Tras a reunión do Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2017 o presidente, Alberto Núñez Feijóo, explicou que o seu Goberno viña de examinar un informe sobre o futuro plan Como na casa, un proxecto para construír unha nova residencia "para persoas maiores dependentes" en cada unha das sete principais cidades galegas. O plan da Consellería de Política Social, daquela dirixida por José Manuel Rey Varela, ía ter un custo de 47,7 millóns de euros e tornaba na "gran aposta da Xunta en materia de dependencia no horizonte 2020".
En 2020, realmente, será cando se comecen a construír esas residencias. Quen o fará non será a Xunta, senón a Fundación Amancio Ortega, que a través dun convenio asinado este venres co Goberno galego asumiu a "construción" e "equipamento completo dos sete inmobles" e a súa posterior entrega ao Executivo. Segundo a previsión lanzada no acto solemne de sinatura, no salón nobre do Pazo de Raxoi, a previsión é que os traballos comecen na primeira metade de 2020 e, segundo a Xunta, ten un "investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros".
Os Orzamentos da Xunta de 2019 estimaban o custo total do proxecto das sete residencias en 66 millóns e Feijóo aseguraba prever "construílas nesta lexislatura". Ante os responsables da fundación o presidente da Xunta proclamou que as residencias serán "as mellores de Europa" e dá por "desmentido" o "falso mito dun sector privado inhumano"