E-distrito

Noticias

O rei non propón candidato á investidura e certifica que haberá outras eleccións xerais o 10N

O rei non propón candidato á investidura e certifica que haberá outras eleccións xerais o 10N

  A esixencia de Podemos de entrar no goberno e as negativas a absterse dos partidos de dereita deixan a Pedro Sánchez sen a maioría necesaria para a investidura.

  18 setembro 2019

  Como en 2016, pero sen Mariano Rajoy. O rei concluíu este martes a segunda rolda de consultas cos grupos políticos con representación e constatou o que, alén de intercambios de cartas e declaracións boa parte dos partidos xa daban por feito. As negociacións entre PSOE e Unidas Podemos están tanto ou máis rachadas que en xuño e non existe maioría alternativa para investir a Pedro Sánchez nin a ningún outro candidato, polo que o vindeiro día 23 ficarán convocadas automaticamente novas eleccións xerais para o 10 de novembro.

  O Xefe do Estado dá por "constatado" que "non existe un candidato que conte cos apoios necesarios" e só resta agardar ao día 23 para que conclúa a conta atrás e as xerais do 10N fiquen convocadas

  Nun comunicado feito público tras as xuntanzas do rei con todos os líderes e mais coa presidenta do Congreso, Meritxell Batet, a Casa Real dá por "constatado" que "non existe un candidato que conte cos apoios necesarios para que o Congreso" o invista. Por ese motivo o Xefe do Estado "non formula unha proposta de candidato á Presidencia do Goberno". Daquela, agás no caso dunha sorpresa tan maiúscula como improbable, só resta agardar ao día 23 para que conclúa a conta atrás de dous meses que comezou a correr co inicio da investidura fracasada do pasado mes de xullo.

  As cartas da baralla electoral volverán estar outra volta sobre a mesa despois de que os grupos non desen composto unha maioría co reparto que resultou das urnas o pasado 28 de abril. Daquela o PSOE foi primeira forza no Estado e, por primeira vez na súa historia, tamén en Galicia. Os de Pedro Sánchez impuxéronse a unha dereita esfarelada tras unha campaña marcada polas apelacións pola banda socialista aos riscos dun eventual goberno do PP de Pablo Casado apoiado en Ciudadanos e mais na extrema dereita de Vox. 

  Non en van, boa parte das análises do 28A atribuíron precisamente a esta circunstancia a alta participación do electorado. Mentres, a división na dereita contribuíu a un resultado historicamente baixo para os de Casado, que ten no 10N a oportunidade de emendar o seu fracaso.

  A campaña do 10N estreará a reforma legal de 2016 para o caso de convocatoria automática de eleccións e durará só oito días. A repetición prodúcese, outra vez, no treito final da lexislatura galega

  Alén das cuestións estritamente políticas, a principal novidade da que todo apunta que será unha nova campaña electoral é a estrea da reforma legal aprobada precisamente en 2016 para os supostos de convocatoria automática de eleccións xerais por ausencia de maioría para a investidura. A campaña electoral, no canto de prolongarse dúas semanas, durará unicamente oito días. Deste xeito, comezará ás cero horas do 1 de novembro, xornada festiva que cadra en venres.

  No caso de Galicia a convocatoria automática de novas eleccións xerais chega, como no 2016, nun clima político marcado pola proximidade da fin da lexislatura galega. Aínda que os comicios repetidos de hai tres anos se celebraron apenas catro meses antes do prazo máximo para convocar eleccións ao Parlamento de Galicia -finalmente foron o 25 de setembro- e neste caso existe, a priori, unha marxe de meses maior, todas as forzas políticas admiten dende hai meses que unhas novas xerais terán unha inevitable influencia no escenario galego e na principal idea forza do PP para recuncar no poder: a estabilidade fronte á axitación da política española.

  Sánchez pide un apoio "máis claro"

   Minutos despois da constatación da convocatoria de novas eleccións xerais, Pedro Sánchez compareceu ante a prensa dende o Palacio de La Moncloa. Cun ton marcadamente preelectoral o presidente do Goberno central en funcións e líder do PSOE asegurou que tentou "por todos os medios" conformar "non calquera goberno", senón "un goberno moderado" que ao tempo, subliñou, non dependese das forzas independentistas catalás e tivese unidade de acción para toda a lexislatura.

  O líder do PSOE culpa a Unidas Podemos, PP e Ciudadanos da repetición electoral e pide un voto "maioritario" para que "non haxa máis bloqueos"

  Como informa Irene Castro para eldiario.es, Sánchez culpa a Unidas Podemos, PP e Ciudadanos da imposibilidade de formar Goberno e por iso pide un apoio "máis claro", un voto "maioritario" ao PSOE para que "non haxa máis bloqueos". A cidadanía debe considerar que “o tentamos todo e nolo fixeron imposible”, di focalizando especialmente o reproche en UP e no seu líder, Pablo Iglesias, a quen fai responsable de volver “impedir que España teña un Goberno progresista”. "Vai camiño dun récord", afirma.

  Sánchez tamén trasladou a responsabilidade aos de Pablo Casado e Albert Rivera por non facilitar a investidura a través da "abstención técnica" que permitise ao Goberno non depender exclusivamente dos independentistas, segundo explicou. "Lamentablemente Ciudadanos e PP, que saben que non hai alternativa, bloquearon esa investidura". "Lamentablemente os conservadores españois pouco teñen que ver cos europeos e optaron por desentenderse. O partido que se di de centro liberal prefire pór un cordón sanitario á socialdemocracia e abrazar á ultradereita", dixo.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados