E-distrito

Noticias

A rede de contas falsas en redes sociais do PP, vinculada a un membro do partido na Coruña.

A rede de contas falsas en redes sociais do PP, vinculada a un membro do partido na Coruña.

  Twitter e Facebook eliminan 359 contas falsas cuxa autoría confirman como operada polo PP e adicada á manipulación da información.

  23 setembro 2019

  A rede social Twitter confirmou este venres que a rede de contas falsas que alterou o debate político na rede social nas semanas previas ás eleccións do 28 de abril para aumentar artificialmente o impacto das mensaxes de Pablo Casado, destapada por eldiario.es co apoio de varios investigadores, estaba "operada polo Partido Popular". Tamén Facebook revelou que pechou xa 65 contas da súa plataforma e outras 35 en Instagram porque "aínda que as persoas detrás destas actividades intentaron ocultar as súas identidas", a súa investigación "achou vínculos con persoas asociados ao PP". 

  Son, segundo as dúas redes, 359 as contas falsas que foron operadas polo PP para manipular o debate político. 

  Twitter confirma que a rede de contas falsas, 259 perfís, estaba "operada polo PP"; unha investigación independente vinculáraa a un membro do PP da Coruña

  Segundo os datos publicados por Twitter, o número de perfís fraudulentos que operaron para inflar artificialmente o discurso do líder do PP elevábase a 259, xa eliminados. "Estas contas estiveron activas durante un período relativamente curto, e consistían principalmente en contas falsas cun comportamento de spam [propaganda] ou que facían retweet [compartían as mensaxes lanzadas por Casado ou polo PP] para aumentar a interacción", resume Twitter este 20 de setembro. Xusto cinco meses antes, eldiario.es informou da conexión entre as contas fraudulentas e o equipo de redes sociais do PP. 

  Máis concretamente, a investigación vinculara un responsable do PP da Coruña e membro despois dese equipo central de redes do PP, David Díez Nieto, que traballou tamén como secretario provincial de Redes Sociais do PP da Coruña. En 2016, a súa conta foi sinalada en dúas análises diferentes polas súas conexións con outras granxas de bots que impulsaban o PPdeG. 

  "A investigación para poder facer unha atribución 100% fiable é complicada e leva moito tempo", explicou a este medio unha portavoz da compañía. Grazas á colaboración de varios investigadores independentes, como os membros do grupo de investigación en tecnopolítica Heurística, este medio puido illar as relacións da rede coa conta de David Díez Nieto (@David10Nieto), o 17 de abril.  

  Ademais de con Díez Nieto, as contas falsas tamén establecían estrañas conexións con outra persoa real, José López Puy (@LopezPuy), militante de Nuevas Generaciones. "Non son chíos concretos os que fan saltar as alarmas, é o feito de que aparezan na rede. Por como está construído o algoritmo de mostraxe, se acabas aí ou es unha conta falsa ou es unha conta que están rechouchiando moi por riba dos rechouchíos media que reciben outras contas retuiteadas polas contas falsas", detallou a este medio o membro de Heurística Emanuele Cozzo, físico e doutor en redes e sistemas complexos.

  Respecto do caso en Facebook, a compañía explica que as persoas relacionadas co PP que impulsaron as contas falsas gastaron uns 1.150 euros en promociar páxinas de desinformación entre o resto de usuarios. 

  Facebook e Twitter frearon as redes de manipulación do PP en momentos chave. No caso máis recente, o de Facebook, remataron coa súa actividade xusto antes da campaña electoral do vindeiro 10 de novembro. No entanto, non aclara se as contas falsas da súa plataforma e de Instagram estiveron activos durante o gran ciclo electoral da primavera. 

  Contactado por este medio, o partido de Pablo Casado deu unha explicación moi similar á que proporcionou cando se destapou a rede fraudulenta. "O PP nunca creou contas falsas porque considera que a efectividade real nas redes materialízase cos voluntarios reais e as súas propias contas. Outra cuestión é o que poidan facer usuarios da rede que, baixo a súa responsabilidade, interactúan coas contas do noso partido, como o poden facer igualmente coas contas doutras formacións", afirmaron. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados