E-distrito

Noticias

Movemento Galego polo Clima: -Queremos ter unha vida como os adultos tiveron, nun planeta habitable.

Movemento Galego polo Clima: -Queremos ter unha vida como os adultos tiveron, nun planeta habitable.

  Medio cento de entidades compoñen o Movemento Galego polo Clima, onde destacan Fridays For Future ou Extinction Rebellion, formados por moz@s universitarios e do ensino secundario.

  26 setembro 2019

  "Os tempos das ambigüidades e das palabras faltas de contido foron superados polas consecuencias e os datos incuestionables. É hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma: non é posible o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados e non é posible permanecer impasibles diante da emerxencia climática". O Manifesto do Movemento Galego polo Clima, presentado a semana pasada, supuxo o punto de partida para unha xeira de mobilizacións nas sete cidades, que terán a súa culminación nas manifestacións convocadas o venres 27.

  "Somos a xeración que vai vivir todas as consecuencias da crise climática, que xa se están notando agora", di Inés Carrión

  Máis de medio cento de entidades compoñen o Movemento Galego polo Clima, pero entre eles destaca o impulso de colectivos como Fridays For Future ou Extinction Rebellion, formados en todas as cidades galegas por mozos e mozas, estudantes na súa maioría, ben da Universidade, ben do ensino secundario. Xa o pasado mes de maio ducias de mozos e mozas mobilizáronse en Galicia convocados por Fridays for Future, que leva meses esixindo aos gobernos e á sociedade no seu conxunto (sobre todo á xeración dos seus pais e nais) unha reacción decidida ante a crise climática.

  "Somos a xeración que vai vivir todas as consecuencias da crise climática, que xa se están notando agora. Tentamos informar aos adultos de que é o noso futuro, de que queremos ter unha vida como eles tiveron, nun planeta habitable. Por isto a urxencia de facer algo. Se non se fai nada urxentemente a nosa e as seguintes xeracións somos quen o vai sufrir", di Inés Carrión Orosa, unha estudante de 16 anos que quere cursar a carreira de Informática e que se converteu nunha das voceiras de Fridays for Future A Coruña.

  "Estas reivindicacións teñen que ter caras novas. A maioría de nós somos estudantes", di Kai Baltrusch

  Algo no que concorda Kai Lois Baltrusch Montero, estudante de Bioloxía na USC e un dos representantes do movemento en Compostela: "é a nosa xeración a que está alzando a voz e botándolles un pouco a bronca aos nosos maiores, dicíndolles que hai que espabilar porque estamos arruinando o planeta e deixándonos a nós sen futuro".

  O perfil dos mozos e mozas que están a participar en Fridays for Future é o dunha persoa que está comezando a universidade ou rematando o instituto, explica Héctor Santorum, estudante de enxeñaría en Vigo, "aínda que temos algúns casos excepcionais de persoas de 14 anos que se achegaron para traballar", conta. "Outra cousa que case todos temos en común é que ata agora non tivemos afiliación nin militancia política de ningún tipo", engade.

  Santorum salienta igualmente que "queremos por en valor tamén á xente que leva moito tempo traballando pola ecoloxía. Dende Fridays nunca quixemos crear un movemento de cero ou un movemento que ficase no activismo das redes sociais, senón que queremos ir moito máis aló e impulsar un movemento que se apoie en toda esa xente que leva moitos anos militando activamente no ecoloxismo".

  "Nunca quixemos crear un movemento de cero, senón apoiarnos en toda esa xente que leva moitos anos militando activamente no ecoloxismo"

  Aínda que as maiores mobilizacións están convocadas para o venres 27, ao longo desta semana están sucedéndose as convocatorias nunha ou noutra cidade. Este mesmo luns foi presentada a programación de actos en Vigo, que comezou cunha acción a prol da peonalización da Porta do Sol e en contra da construción do túnel que unirá Policarpo Sanz e Elduayen. Palestras, mesas de debate, proxeccións ou accións de limpeza están convocadas en toda Galicia, incidindo especialmente na participación do estudantado.

  "Estas reivindicacións teñen que ter caras novas. A maioría de nós somos estudantes", explica Kai Baltrusch. "Aquí a xente que participa nas mobilizacións non é tan nova como noutros países, onde o protagonismo está sendo do estudantado de secundaria. Ese é un dos obxectivos das mobilizacións desta semana: estamos indo polos institutos para informar aos rapaces e rapazas, para conseguir que impulsen dende alí o movemento. Son eles os que teñen que liderar esta situación de emerxencia", di. "Buscamos que a xente se informe, reflexione, e se conciencie" -engade Inés Carrión- "E nós mesmas tentamos ir cambiando os nosos hábitos, tanto individualmente como dando consellos a outras persoas".

  Héctor Santorum salienta que "cada vez somos máis as persoas comprometidas con este tema. O crecemento está sendo lento, pero continuo. Estamos no comezo". "A xente sabe que hai un problema, importante, pero moitos non saben de forma concreta como actuar ante el", di. "Estamos nun momento no que temos que facer cambios moi axiña para solucionar un problema global", engade.

  "O cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a un modelo enerxético sostible ten que ser impulsado por unha decisión dos gobernos"

  O cambio de modelo proposto fai fincapé nos cambios individuais e tamén na modificación das grandes políticas. O pequeno e o grande, o local e o global, o inmediato e as mudanzas de longo percorrido. "O cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a outro modelo, por exemplo a transición cara a un modelo enerxético sostible ten que ser impulsado por unha decisión polos gobernos", di Kai Baltrusch. "Dende o MGC transmitimos unha serie de medidas bastante concretas e que van máis aló do control das emisións, e que inciden na política forestal e agraria ou na educación ambiental. Falamos de elementos moi importantes que teñen que acompañar esta transición cara a outro modelo", subliña.

  "Esta é unha crise estrutural, unha crise de sistema. Os cambios que un individuo pode facer na súa vida poden ser importantes, pero a solución vai moito máis alá. Os grandes poderes teñen que entender que por moitos beneficios empresariais que teña, por moito poder político que teñan, se non hai mundo, se non hai planeta, iso non lles vai servir de nada", destaca Santorum.

  De igual xeito, Inés Carrión fai fincapé na responsabilidade do Goberno de España: "o plan de transición ecolóxica redactado polo goberno de Pedro Sánchez contén medidas bastante insuficientes. Moitas das accións que contén teñen un prazo de cumprimento demasiado longo ou son demasiado limitadas. É importante de que o goberno que saia das próximas eleccións modifique ese plan antes de remitilo a Bruxelas". 

  Héctor Santorum critica igualmente que "hai unha resposta tímida por parte das administracións, producíndose unha fenda entre as declaracións públicas, por exemplo a aprobación de mocións de emerxencia climática e as accións concretas do día a día".

  "O papel dos medios é fundamental para que a xente se decate sobre a gravidade do problema"

  O manifesto do Movemento Galego polo Clima reclama igualmente que a transición cara a un novo modelo enerxético e produtivo sexa "socialmente xusta", favorecendo a creación de empregos noutros sectores nas comarcas afectadas. Así, subliña que é "urxente" o peche da térmica das Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas, pero di que "o peche non pode supoñer que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias". O Movemento lembra así mesmo que o cambio climático está a ter efectos negativos sobre a saúde e tamén sobre moitas producións agrícolas e doutro tipo en todo o mundo, polo que xa está a afectar ao emprego.

  Kai Baltrusch tamén lles reclama aos medios de comunicación que "comecen a dicir a verdade sobre a situación que vivimos, como xa o está a dicir a comunidade científica, onde hai consenso sobre que a orixe do cambio climático está na acción antrópica". "O papel dos medios é fundamental para que a xente se decate sobre a gravidade do problema", engade.

  • Vigo. 11 horas. Concentración estudantil na Praza do Rei | 20 horas. Manifestación polo Clima, dende Vía Norte á Porta do Sol.
  • A Coruña. 12 horas. Concentración ante os centros de ensino | 20 horas. Manifestación polo Clima, dende os Xardíns de Méndez Núñez.
  • Ourense. 20 horas. Concentración na Praza Maior.
  • Lugo. 12 horas. Manifestación polo Clima. Saída dende a Praza Horta do Seminario | 20 horas. Concentración diante do Concello.
  • Compostela. 19.30 horas. Manifestación polo Clima dende a Casa do Matadoiro.
  • Pontevedra. 12 horas. Concentración fronte á Subdelegación do Goberno | 20 horas. Manifestación dende a Praza da Ferreiría ata a Peregrina.
  • Ferrol. 12 e 19.30 horas. Concentracións na Praza Amada García.
  • Ribadeo. 20 horas. Concentración diante do Concello.
  • Lalín. 10.35. Concentración diante do IES Laxeiro.

.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados