E-distrito

Noticias

Un estudo confirma que a medicación para a hipertensión debe tomarse de noite

Un estudo confirma que a medicación para a hipertensión debe tomarse de noite

  A maior investigación ata agora sobre cronoterapia, liderada polo catedrático da UVigo Ramón Hermida, sostén que o risco de morrer de infarto cae un 44%.

  24 outubro 2019

  Tomar os medicamentos contra a hipertensión antes de deitarse é máis que recomendable para as persoas que a padecen. Así o conclúe o maior estudo internacional realizado ata a data sobre cronoterapia, que publica este mércores o European Heart Journal, a revista de maior impacto mundial no eido da cardioloxía, e que lidera o catedrático da Universidade de Vigo Ramón Hermida, director do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da Universidade de Vigo.

  O traballo é resultado dunha longa investigación, na que se controlou durante seis anos e medio a algo máis de 19.000 pacientes. No proxecto están implicados 40 centros de atención primaria e 292 doutores e doutoras do Servizo Galego de Saúde.Algunhas das porcentaxes dos resultados individuais son contundentes: viuse que, ao tomar a medicación de noite, o risco de morte por problemas cardiovasculares se reducira nun 66%, o risco dun infarto de miocardio nun 44%, a revascularización coronaria nun 40%, os fallos cardíacos nun 42% e o risco dun derrame cerebral nun 49% en comparación con aqueles pacientes que tomaban a medicación no momento de erguerse.

  O European Heart Journal, revista de maior impacto mundial no mundo da cardioloxía, publicou este mércores un artigo cos últimos resultados do proxecto Hygia, o maior estudo realizado ata a data a nivel internacional sobre cronoterapia e no que se confirma “de forma contundente” un feito que levan xa varios anos difundindo os impulsores deste estudo: as persoas con tensión arterial alta deben tomar os medicamentos antihipertensivos antes de deitarse en lugar de pola mañá. “Levamos moitos anos investigando sobre o control da presión arterial en función da hora de inxestión da medicación e controlamos algo máis de 19.000 pacientes durante seis anos e medio de seguimento, a maior duración de ningún estudo publicado neste ámbito”, confirma o director do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da Universidade de Vigo, o profesor Ramón Hermida, director do estudo.

  Seguíronse 19.000 pacientes durante máis de seis anos

  No ensaio participaron 10.614 homes e 8.470 mulleres, todos eles diagnosticados como hipertensos con criterios de monitorización ambulatoria, que tomaron as pílulas antes de deitarse ou ao levantarse e aos que se seguiu de preto durante un longo período (unha media de 6,3 anos entre 2008 e 2018).

  “Os doutores tomaron a presión arterial dos pacientes cando estes se uniron ao estudo e tamén en cada visita clínica posterior”, indicou o coordinador do estudo, quen fixo tamén fincapé en que o monitoreo ambulatorio da presión arterial durante un período de 48 horas tivo lugar despois de cada visita á clínica como mínimo unha vez ao ano. “Isto deulle aos doutores información precisa sobre a presión arterial promedio durante esas 48 horas, incluída a cantidade de presión arterial que diminuíu ou baixou mentres os pacientes durmían”, recalca Hermida.

  Durante o desenvolvemento da investigación, as e os investigadores axustaron as súas análises para ter en conta algúns factores que puidesen afectar aos resultados, como a idade, o sexo, a diabetes tipo 2, as enfermidades renais, o tabaquismo e os niveis de colesterol.

  Durante a media de 6,3 anos de seguimento dos pacientes con hipertensión, 1.752 morreron de problemas cardiovasculares ou experimentaron un infarto de miocardio, accidente cerebro vascular, insuficiencia cardíaca ou revascularización coronaria. Os datos da monitorización ambulatoria da presión arterial mostraron que os pacientes que tomaban a medicación no momento de ir a durmir tiñan unha presión arterial promedio significativamente máis baixa tanto pola noite como durante o día e a súa presión arterial diminuía máis pola noite, en comparación cos pacientes que tomaban a medicación ao espertar. “Unha diminución progresiva da presión arterial sistólica pola noite durante o período de seguimento foi o preditor máis significativo dun risco reducido de enfermidade cardiovascular”, salienta o director do estudo.

  “Os resultados deste proxecto e os informes previos indican claramente que os niveis medios de tensión arterial durante o sono e a diminución da presión arterial nocturna, pero non a tensión arterial diúrna ou a medida na clínica, son, en conxunto, os marcadores de risco cardiovascular derivados da presión arterial máis importantes”, recalca o experto.

  Actualmente, as pautas non mencionan nin recomendan ningún momento preferible para o tratamento da hipertensión

  Nesta liña, Hermida lembra que as pautas actuais sobre o tratamento da hipertensión non mencionan nin recomendan ningún momento preferible para o tratamento e que a inxestión matutina , “baseada no enganoso obxectivo de reducir os niveis matutinos de presión arterial”, foi sempre a recomendación máis común. Polo contra, o proxecto Hygia xa adiantara anteriormente que a presión arterial sistólica cando unha persoa está durmida é a indicación máis significativa e independente do risco de enfermidade cardiovascular, independentemente das medicións de presión arterial tomadas mentres está esperto ou cando visita ao médico.  “Ademais, non hai estudos que mostren que o tratamento para a hipertensión pola mañá mellore a redución do risco de enfermidades cardiovasculares”, recalca o investigador.

  Erros diagnósticos importantes en máis do 40% da poboación

  A publicación deste artigo por parte do European Heart Journal, chega pouco máis dun ano despois doutro estudo previo asinado polo equipo responsable de Hygia. Nese caso, a investigación centrábase en buscar cales eran os estudos máis deterministas do risco cardiovascular e nese caso incorporábase poboación en xeral, é dicir, tanto hipertensos como normotensos. Ese estudo estaba centrado en comparar se a presión arterial medida na clínica tiña maior ou menor valor prognóstico á hora de determinar o risco cardiovascular a nivel individual. “Nese caso determinamos que a presión arterial sistólica durante o sono é o marcador máis significativo de risco cardiovascular con independencia de que a presión arterial na clínica estivese alta ou baixa”, explica Hermida.

  Nese artigo xa se cuestionaba a forma en que a hipertensión arterial se leva diagnosticando nos últimos 50 anos, posto que basearse unicamente nunha presión arterial elevada na clínica leva a erros diagnósticos importantes en máis do 40% da poboación. “Por tanto, a día de hoxe hai persoas, mal chamadas pacientes, que están a recibir tratamento cando realmente non o precisan e hai unha elevada porcentaxe de persoas –arredor do 25 ou 26%- que teñen elevada a presión durante o sono que non son identificados como tales, polo que non se lle fai monitorización ambulatoria e, polo tanto, teñen un elevado risco cardiovascular”, conclúe o director do estudo.


Referencia: Bedtime hypertension treatment improves cardiovascular risk reduction: the Hygia Chronotherapy Trial (Publicado en European Heart Journal).

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados