E-distrito

Noticias

10N/ Feble victoria do PSOE e derrumbe electoral de Ciudadanos nunha correlación de bloques moi semellante á de abril.

10N/ Feble victoria do PSOE e derrumbe electoral de Ciudadanos nunha correlación de bloques moi semellante á de abril.

  A ultradereita gaña forza en España ao convertirse en terceira forza mentres segue sendo insignificante en Galicia.  

  O BNG entra no Congreso con un escano, o independentismo catalán e nacionalistas vascos tamén aumentan representación.

  11 novembro 2019

  Tres escanos menos. É o balance que tira o PSOE da repetición das eleccións xerais. Os de Pedro Sánchez saen deste 10 de novembro con 120 escanos no Congreso, un menos dos que lograran o pasado 28A, e un nivel de voto moi semellante. Os socialistas afrontan un escenario para intentar a formación de goberno aínda máis complexo que o de hai medio ano fronte a unha dereita á alza: o PP medra  unha vintena e a extrema dereita de Vox substitúe a Ciudadanos como terceira forza da Cámara Baixa, con 52 escanos, mentres os de Rivera sofren un forte devalo e fica en 10.

  O PSOE quedou lonxe do seu gran obxectivo na repetición electoral: fortalecer a súa posición no Congreso e simplificar o xogo de alianzas. Pola banda esquerda, Unidas Podemos e as súas confluencias perden sete escanos e fican en 35 e esa baixada non se compensa coa entrada do partido de Íñigo Errejón, Más País, que queda en 3. Deste xeito, un pacto pola esquerda para a investidura requiriría, indispensablemente, da participación de forzas soberanistas ás que agora se suma o BNG, cun escano pola Coruña.

  O ascenso de PP e Vox nútrese esencialmente do devalo de Ciudadanos. Os de Albert Rivera caen ata o seu peor rexistro dende a súa entrada no Congreso, cunha decena de deputados, e os seus escanos gáñanos as formacións que lideran Pablo Casado e Santiago Abascal. Mentres que os os populares ascenden algo máis de catro puntos, o partido de extrema dereita medra case cinco e os de Rivera pasan de máis do 15% do total estatal a menos do 7%.

  Os posibles pactos de Goberno

  Alén do estancamento á baixa do PSOE e do ascenso de PP e Vox impulsados sobre o devalo de Ciudadanos, o mapa dos posibles pactos de investidura e agora mesmo máis complexo que en abril. Un eventual acordo do PSOE con Unidas Podemos e Mas País, mesmo co apoio do PNV, non chegaría aos 170 escanos, isto é, lonxe do limiar dos 176 escanos da maioría absoluta. 

  No entanto, un xogo de apoios semellante aos da moción de censura que desbancou a Mariano Rajoy en 2018 sería unha maioría aínda máis ampla. Así, agregar a esa eventual maioría de esquerda a formacións como Esquerra Republicana ou o BNG sería dabondo para a investidura.

  Aos eventuais pactos fixo mención Pedro Sánchez na súa primeira valoración dos resultados. Ante militantes congregados ante a sede central do PSOE e nun ambiente por veces tenso, Sánchez fixo un chamamento a "todos os partidos" para "desbloquear a situación". 

  Como informa Irene Castro, Sánchez advertiu de que "o meu empeño é que esta vez si ou si imos conseguir un Goberno progresista", se ben este "non depende só do PSOE". Esa chamada, afirma, diríxese a todos os partidos agás a aqueles que "se autoexclúen da convivencia e sementan o discurso do odio", dixo sobre Vox. Os militantes exclamaron: "Gañamos, deixádenos gobernar". Tamén houbo tímidos berros de "Con Casado, non" e con "Con Iglesias, si".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados