E-distrito

Noticias

Xa se pode consultar en Compostela o Libro das Invasións: a lenda de Breogán.

Xa se pode consultar en Compostela o Libro das Invasións: a lenda de Breogán.

  Trátase do manuscrito irlandés que narra a lenda deste caudillo celta, recollida nun libro senlleiro: o Book of Leinster, custodiado no Trinity College de Dublín, agora en Santiago.

  14 novembro 2019

  Galicia é o ‘Fogar de Breogán‘. Así foi cantada polo poeta Eduardo Pondal na súa obra ‘Os Pinos’, que hoxe constitúe a letra do himno galego. E a lenda deste caudillo celta está recollida nun libro senlleiro: o Book of Leinster, custodiado no Trinity College de Dublín e que, dende o pasado 30 de outubro, está en Santiago de Compostela. Este manuscrito será unha das alfaias que, dende hoxe 14 de novembro, amosará a exposición Galicia, un relato do mundo no Museo Gaiás.

  O Libro de Leinster (Lebor Laignech) é un manuscrito medieval irlandés datado arredor do ano 1160. O manuscrito foi producido por Áed Ua Crimthainn, quen foi abade do mosteiro de Tír-Dá-Glas en Shannon, hoxe no condado de Tipperary. Segundo os últimos estudos, a obra, da que se conservan 187 follas, foi unha labor de décadas, na que participaron os discípulos de Áed, engadindo novos contidos ata o ano 1224.

A obra é capital para a xenealoxía e a mitoloxía irlandesa, xa que contén os textos fundacionais da súa identidade, como o Lebor Gabále Erenn  (Libro das Invasións) e o Táin Bó Cuailnge (O roubo do touro de Cuailnge).

  Pero o máis destacado para Galicia é o Lebor Gabále Érenn, literalmente o "Libro da toma de Irlanda", coñecido como o Libro das Invasións. Aquí atopamos por primeira vez unha mención a Breogán, líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda dende o Faro de Birgantium. Séculos máis tarde, o historiador Manuel Murguía incorporaría a lenda de Breogán a tradición cultural e identitaria de Galicia. O Libro das Invasións reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

  Breogán e a suposta conquista de Irlanda polos galaicos aparece en dous dos libros do Lebor Gabále Érenn, que comeza dun xeito mítico, facendo un paralelismo entre a historia dos gaélicos e a dos xudeus. Dalgún xeito, con isto pretendía darse unha lexitimidade cristiá ás vellas lendas do país e considerar aos irlandeses tamén un ‘pobo elixido por Deus’. Así, os "Gaels" son considerados descendentes de Noé, foron escravos dos exipcios e pasaron 400 anos vagando polo deserto na procura da súa terra prometida. Resulta evidente que falamos dunha versión do Éxodo do Antigo Testamento aplicada aos gaélicos.

  No segundo libro, que narra a ‘Historia temperá dos Gaels’, aparece ao final Breogán, que é descendente dos primeiros Gaels. Tras vagar polo Mediterráneo xunto ao seu pobo, conquista Iberia e funda unha cidade chamada Brigantia, onde constrúe unha alta torre. Dende ela, o seu fillo Íth consegue albiscar Irlanda. Unha vez máis, estamos ante a ‘terra prometida’.

  Nos seguintes capítulos da obra, os autores esquecen a Breogán e pasan a contar a historia de Irlanda en sucesivas invasións cos seus reis e dinastías. Pero o caudillo de Brigantia regresa triunfal no oitavo libro, titulado "Milesians".

  Ith, fillo de Breogán, é asasinado e os Gaels zarpan de Brigantia para conquistar Irlanda

  Aquí retoman a historia dos Gaels, cando Íth, o fillo de Breogán, decide nevegar ata aquela illa verde que albiscou dende a Torre de Brigantia. O caudillo é recibido por tres reis: Mac Cuill, Mac Cecht e Mac Gréine de Tuath Dé. Pero non sospeita que vai ser obxecto dunha traizón: Íth é asasinado por atacantes descoñecidos e os seus homes deben regresar a Brigantia.

  Aquí chega a conquista definitiva. Os Gaels deciden zarpar cunha poderosa frota para vingar a morte de Íth. Son coñecidos como os Milesians. Segundo os estudosos, este nome provén do latín "Miles Hispaniae", ou "soldados de Hispania" e supón un engadido dos escritores cristiáns que redactaron o Libro das Invasións. Porque, en realidade, a obra trata de unir dous mundos: o das tradicións ancestrais gaélicas coas do orbe latino e cristián.

  Os Gaels procedentes de Brigantia conquistan Irlanda tras sucesivas batallas. E mesmo aparecen momentos máxicos, entre eles cando asinan unha tregua e pasan tres días a bordo das súas naves a unha distancia de nove ondas da costa. Os seus inimigos convocan un gran vento que lles impedirá navegar de regreso a terra. Pero un dos Gaels, Amergin, calma o vento recintando un verso. E, finalmente, os Gaels regresan e toman o control definitivo de Irlanda.

  Agora, a lenda de Breogán e dos Gaels que une Galicia con Irlanda regresa á terra de Brigantia. Oito séculos máis tarde, o Libro das Invasións volve a Galicia e, dende hoxe, poderá verse en Compostela.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados