E-distrito

Noticias

A esquerda amplía representación na Mesa do Congreso malia a entrada de Vox cun ex-membro do PP

A esquerda amplía representación na Mesa do Congreso malia a entrada de Vox cun ex-membro do PP

  A presidencia do Congreso volveu ser para a socialista Meritxell Batet nunha Mesa na que o PSOE logra tres postos e Unidas Podemos, outros tres dun total de nove.

  04 decembro 2019

  Xa está en marcha a décimo cuarta lexislatura estatal cando, en condicións normais sen repeticións electorais, debera estar a piques de rematar a undécima, a iniciada tras as eleccións xerais de 2015. As Cortes Xerais xurdidas dos comicios do pasado 10 de novembro botaron a andar cos focos especialmente postos no Congreso dos Deputados, do que depende que saia ou non adiante a investidura de Pedro Sánchez a partir dunha aritmética parlamentaria que este martes tivo que poñerse en marcha para compoñer a Mesa, o órgano de goberno da Cámara Baixa.

  Segundo o previsto, a presidencia volveu ser para a socialista Meritxell Batet, que saíu elixida en segunda votación con 166 apoios en votación secreta fronte a 140 obtidos pola popular Ana Pastor. Tras a Presidencia foi o momento de votar o resto de postos da Mesa -catro vicepresidencias e outras tantas secretarías- e nese puntos, con matices, a dereita padeceu algo semellante ao que sufriu a esquerda en 2015, cando a falta de acordos permitira a PP e Ciudadanos controlar este órgano sen teren maioría parlamentaria.

  Como informou eldiario.es, as negociacións cruzadas para as votacións deste oito postos prolongáronse ata o último minuto. O PSOE advertira da súa intención de ofrecer postos a PP e Ciudadanos que permitisen tender un "cordón sanitario" a Vox, se ben dende a formación agora liderada no Congreso por Inés Arrimadas aseguran que os socialistas se desmarcaron dun pacto que chegou a estar a piques de culminar porque implicaba que os socialistas perdesen a vicepresidencia primeira.

  Sexa como for, o certo é que o PSOE sae da primeira votación da lexislatura estatal con tres dos nove postos da Mesa e Unidas Podemos, con outros tantos. Son así seis dos nove postos para o bloque da esquerda, un máis que na anterior lexislatura. Isto sucede porque no último momento, socialistas e Unidas Podemos sumaron os seus votos aos doutros grupos como ERC, PNV, JxCat, EH-Bildu, CUP ou Más País e lograron a secretaría terceira para Javier Sánchez, de Unidas Podemos, posto ao que aspiraba Vox. 

  Dende Galicia en Común o seu deputado Antón Gómez-Reino amosou a súa satisfacción polo resultado da operación. "Estamos orgullosas de, con traballo e coñecemento da técnica parlamentaria, quitar un posto a Vox na Mesa do Congreso. Contra a extrema dereita, menos xestos inocuos e máis feitos. Está ben falar, pero está mellor facer", afirma.

  A formación de extrema dereita, non obstante, si logra debutar neste órgano parlamentario. A ausencia dunha estratexia común do PP co PSOE permitiu que este partido, só cos seus votos, puidese sentar na vicepresidencia cuarta a Ignacio Gil Lázaro, que tras acumular máis de tres décadas nas filas do PP -xa fora deputado por Alianza Popular-, marchou a Vox tras quedar sen posto no seu partido na Comunitat Valenciana. 

  O partido de extrema dereita e o PP culpáronse mutuamente de que a esquerda alargase a súa maioría neste órgano. Así, na nova Mesa PSOE e UP contan con cadanseus tres representantes, o PP logra dous e Vox, un. 

  Mentres, no Senado, tamén se cumpriu o guión previsto en canto á Presidencia. Pilar Llop (PSOE), ata agora xuíza especializada en violencia machista, substitúe a Manuel Cruz, que ocupou o posto tamén no nome dos socialistas na breve lexislatura pasada.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados