E-distrito

Noticias

Voces galegas no clamor global contra a emerxencia climática

Voces galegas no clamor global contra a emerxencia climática

  O Movemento Galego polo Clima, coas principais organizacións ecoloxistas do país, sumouse á mobilización do Cumio Social, o encontro de organizacións ambientalistas internacionais paralelo á COP 25

  09 decembro 2019

  O Cumio do Clima tamén son xestos e imaxes. Dende o feito de situar na axenda informativa a cuestión da emerxencia climática mesmo antes das eventuais decisións que os gobernos participantes poidan tomar ao respecto na súa recta final ata a multitude de actividades paralelas, con experiencias de institucións e entidades de todo o mundo contra o quecemento global. E tamén a mobilización cidadá, como a que este venres sacou ducias de miles de persoas ás rúas de Madrid no inicio do coñecido como Cumio Social, que discorre paralelo á COP25 da ONU con milleiros de voces contra o cambio climático, entre elas tamén as galegas.

  Máis de 500 colectivos ambientalistas de todo o mundo sumáronse á mobilización que abre un encontro que sempre transcorre paralelo ás COP. Na súa organización están implicados desta volta entidades como Alianza polo Clima, Alianxa pola Emerxencia Climática, colectivos chilenos como Cumbre de los Pueblos, Sociedad Civil por la Acción Climática y Minga Indígena -o cumio íase celebrar inicialmente en Chile- ou Fridays for Future, o movemento xurdido en torno á activista Greta Thunberg, tamén presente entre un xigantesco despregamento mediático.

  A comitiva galega nesta mobilización global estivo canalizada a través do Movemento Galego polo Clima, a plataforma na que participan máis de oitenta colectivos e organizacións non gobernamentais do país, entre elas as principais asociacións ecoloxistas como Adega, Verdegaia, Ecoloxistas en Acción ou Greenpeace Galicia. A fin da produción enerxética a través do carbón, un modelo forestal máis sostible ou unha mobilidade máis respectuosa co planeta protagonizan unhas reivindicacións galegas que tamén estarán presente durante o cumio alternativo. Porque este, resaltan dende o Movemento, é "un problema global polo que se actúa localmente".

O Movemento Galego polo Clima trasladou á manifestación e ao Cumio Social o seu decálogo reivindicativo, que comeza por unha esixencia: que Goberno central, Xunta e Administracións locais "comecen a dicir a verdade e asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e do mantemento do clima". Este, advirten, non é "un novo nicho de oportunidades económico-empresariais"

  O decálogo do Movemento Galego polo Clima comeza por unha esixencia: "Que Goberno central, Xunta e Administracións locais "comecen a dicir a verdade e asuman a emerxencia climáticacomo un grave problema para o conxunto da sociedade"

  Neste sentido, e alén de declaracións -o propio PP dixo asumir no Parlamento a declaración de emerxencia climática en Galicia", cómpre que estas veñan acompañadas de "medidas reais e efectivas de emisións de gases de efecto invernadoiro". Nesa eliminación, resaltan, as administracións teñen que "ser un exemplo" e "non dar por perdida a batalla contra a mudanza climática, fomentando propostas de adaptación ao incremento da temperatura por riba dos 1,5 graos centígrados, din.

  Ningún destes compromisos será tal se non están "amparados coas súas correspondentes partidas orzamentarias", subliña o Movemento Galego polo Clima, que sitúa en primeira liña da súa reivindicación o compromiso público, tamén económico, na "loita efectiva contra os distintos focos de contaminación dos ecosistemas, maiormente as emisións de CO₂". Non en van, entre as pancartas da comitiva galega destacaban as que reclamaban o peche da central de carbón das Pontes e o consecuente compromiso dos gobernos ao respecto.

  Un "cambio na política forestal como medida para previr os incendios, que serán máis graves polo cambio climático", "maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria é" ou "unha política agraria que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis" destacan tamén nun decálogo que, asemade, se fixa na política de vivenda. 

  Os gobernos, subliñan, deberan promover con máis intensidade a "construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticos e de consumo nulo para adaptación non só ao cambio climático, tamén á escaseza de enerxía. Todo isto, advirten, pasa tamén necesariamente pola "educación ambiental" non só na escola, senón no conxunto da sociedade.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados