Non houbo sorpresas de última hora, nin sustos, nin tamayazos, a pesar dos chamamentos realizados dende os grupos de dereita (que en todo caso xa foran acalados por algúns dos deputados que decidiran absterse, como EH-Bildu, que aseguraran que, de producirse, optarían por votar a favor). Pedro Sánchez, á espera da súa toma de posesión este mércores, foi elixido Presidente do Goberno por 167 votos a favor e 165 votos en contra, como estaba previsto, repetindo todos os grupos a votación do pasado domingo.
O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, o xoves farano os novos ministros e o venres prevese o primeiro Consello, que adoptará as primeiras medidas
Sánchez dirixe xa o primeiro Goberno de coalición en España dende a Segunda República, un executivo no que PSOE e Unidas Podemos compartirán responsabilidades. O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, o xoves farano os novos ministros e ministras e o venres prevese o primeiro Consello, que previsiblemente adoptará as primeiras decisións presentes no pacto entre as dúas formacións.
Foi, unha vez máis, un pleno tenso, inzado de exabruptos e insultos por parte dos grupos da dereita e a extrema dereita, de VOX a PP, pasando por Ciudadanos. Antes, no seu discurso de investidura, Pedro Sánchez dirixírase a eles: "vostedes tensionaron a situación para ver se por algún lado aparecía algunha nova oportunidade, non o conseguiron. Vai gobernar unha coalición progresista porque así o quixeron unha maioría de españois e así o decidiu unha maioría nesta Cámara". "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado", sinalou.
Pedro Sánchez a PP e VOX: "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado"
Sánchez defendeu o programa de reformas progresistas do Goberno de coalición: "Levamos 40 anos de democracia. Xa antes chegaron dereitos, como o divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual... Ninguén se viu obrigado a exercelos. Simplemente deron máis liberdade aos que optaron por exercelos". E rematou citando a Manuel Azaña, presidente da Segunda República, unha mención que xa fora empregada por Rajoy en 2017 pero que desta volta foi recibida con berros por parte dos deputados e deputadas de VOX e PP.
"Comprobarase o que non debeu ser descoñecido. Todos somos fillos do mesmo sol e tributarios do mesmo río. Suban a esta tribuna e expoñan unha visión alternativa do programa. Non contribúan coas súas palabras a que a convivencia se resinta", dixo Sánchez, que rematou citando de novo a Azaña: "Ninguén ten o dereito de monopolizar o patriotismo", a mesma cita empregada por Zapatero no ano 2007.
Casado e Abascal fixeron referencias ao rei Felipe VI e o líder de VOX afirmou que "este Goberno goza do beneplácito de ETA"