A Audiencia Nacional impuxo ao Estado español indemnizacións á muller e aos dous fillos de José Couso por valor de 182.000 euros en razón da "omisión de protección diplomática" que sufriron logo do asasinato do cámara galego de televisión en Iraq en 2003 a mans das tropas estadounidenses. A Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do tribunal especial recoñece unha indemnización en favor da viúva de Couso de case 100.00 euros e de máis de 41.000 para cada un dos seus dous fillos menores cando ocorreron os feitos.
"O Estado limitouse a recibir e aceptar as explicacións dos EUA no sentido de que o ataque estaba xustificado e que o falecemento foi un accidente", di a Audiencia Nacional
A Sala considera que "as circunstancias do caso facían exixible que o Estado desenvolvese a súa actividade diplomática en favor dos prexudicados polo falecemento do señor Couso". "Con todo, (e isto non foi posto en cuestión na contestación á demanda) -engade- a Administración Xeral do Estado limitouse a recibir e aceptar as explicacións ofrecidas pola Administración dos Estados Unidos no sentido de que o ataque ao hotel Palestina estaba xustificado e que o falecemento do señor Couso foi un lamentable accidente".
O tribunal, segundo informa Pedro Águeda para eldiario.es, fai constar que non houbo ningunha xestión por parte da Administración Xeral do Estado. "Non consta a realización de xestión ningunha tendente, non xa ao recoñecemento da ilicitude do ataque (sobre a que se lamenta a devandita sentenza do TS da Sala Segunda) senón á reparación das súas consecuencias patrimoniais dun modo razoable. E iso malia as moi numerosas peticións que respecto diso se formularon por diversos grupos parlamentarios, segundo consta no expediente administrativo".