Tras o ritual da chegada con cadansúas carteiras e a foto de familia, ministras e ministros de ambas formacións tiveron a primeira xuntanza do máximo órgano do Executivo estatal, que de agora en diante se reunirá os martes e non os venres, segundo confirmou despois Sánchez en rolda de prensa. Todos os membros do Consello recibiron unha carta do presidente socialista, que os animou a poñerse "mans á obra, sen tempo que perder" e a teren en conta que "o goberno de coalición do Partido Socialista e de Unidas Podemos é xa o Goberno progresista de España" que nace "cun propósito firme de unidade", subliña.
Alén dos xestos, o primeiro Consello serviu para dar luz verde á suba xeral do 0,9% das pensións de xubilación, isto é, a previsión de IPC ao peche do ano, como comunicou Sánchez en rolda de prensa e recolle eldiario.es. Aínda que o incremento tardará un pouco en plasmarse nas contas bancarias dos pensionistas, aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro. Dende finais de ano o PP en xeral e o PP galego en particular teimaran en que o Goberno do PSOE "conxelara" as pensións porque adiara a suba ata deixar de estar en funcións.
Agora as dúbidas pasan por concretar cal será o aumento das pensións máis baixas para este exercicio, que Sánchez non concretou na súa comparecencia