E-distrito

Noticias

A Xunta reabre o paridorio de Verín

A Xunta reabre o paridorio de Verín

  O goberno galego argumenta un problema de falta de pediatras xa resolto; Gonzalo Caballero felicítase de que os galegos obriguen a rectificar a Feijóo.

  21 xaneiro 20120

  As múltiples versións da Xunta para xustificar o peche da sala de partos do hospital de Verín o pasado decembro chegaron a desconcertar as forzas da oposición galega. Pero non no sentido habitual. Os bandazos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, da teoría da "falta de pericia" do persoal á sentencia sobre que "un parto non é un infarto", pronunciada polo conselleiro de Sanidade, abraiaron ás forzas da esquerda por ser unha cadea de erros nunha área tan sensible como a sanitaria. .

  Gonzalo Caballero: "Feijóo xa non toma as decisións; unha nova Galicia arrincona o presidente e empúrrao a rectificar"

  Pero a rectificación anunciada a pasada fin de semana non acalmou a situación en Verín. Os recursos habituais da contorna do PPdeG, como as acusacións de manipulación partidaria das mobilizacións, non callaron como noutrora e na vila ourensá segue a reinar a desconfianza entre a veciñanza e tamén entre un persoal sanitario moi molesto con todo o acontecido e con abondosos receos sobre o que está por vir en aspectos como o "consentimento informado reforzado" anunciado por Feijóo para a reapertura do paridoiro. Mentres, as forzas da oposición vense alentadas ao cadrar o acontecido en datas preelectorais.

  Tras dous meses de mobilización cidadá, a Xunta informou este sábado de que a próxima semana formalizará “a contratación de dous pediatras” para o hospital de Verín co obxectivo de reabrir o seu paridoiro a comezos de febreiro. A carencia de profesionais foi un dos diversos argumentos que veu empregando o Goberno galego para xustificar a súa decisión de pechar o servizo de atención a partos dese centro a partir do pasado 2 de decembro, comunicada poucos días antes ao persoal.

  Agora a Xunta asegura que está a traballar “na redacción do protocolo dos servizos hospitalarios implicados que permita retomar a atención aos partos en Verín, con seguridade e garantías imprescindibles para as nais e os nenos, nos primeiros días do vindeiro mes de febreiro”.

  Para o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, é posible afirmar que o acontecido en Verín é "a primeira gran vitoria da maioría social progresista" ás portas da carreira electoral. O tamén candidato socialista á Xunta ve na rectificación do Sergas en Verín unha proba palpable de que "Feijóo xa non toma as decisións, senón que unha nova Galicia arrincona o presidente ata empurralo a rectificar".

"Non faga máis dano nos meses que lle quedan", reitera Caballero, á fronte dun PSdeG que non aforrou despregamento na causa verinesa. O propio líder socialista desprazouse en varias ocasións ao hospital, onde o recibimento por parte de persoal e veciñanza mesmo sorprendeu na dirección socialista. Fontes do partido amósanse convencidas de que na comarca afectada relacionábase directamente a figura do actual presidente coa decisión do peche, propiciando un rexeitamento que hai catro ou oito anos non existía en conflitos coma este ou mesmo máis graves.

  A análise do PSdeG no acontecido cadra coa do BNG nun aspecto, alén dos reproches públicos a Feijóo polo peche. O feito de que Sanidade agora anuncie que se dispón a recuar fai que "quede ao descuberto a sarta de mentiras utilizadas polo PP e Feijóo para xustificar o inxustificable", considera Ana Pontón. "Primeiro dixeron que era mellor primar a calidade sobre a comodidade", despois "alegaron que os profesionais perdían pericia" e "buscaron como escusa o descenso do número de partos" e "finalmente, afirmaron que non había pediatras".

  Ana Pontón: "Deixou en evidencia as mentiras de Feijóo, pero tamén que os recortes na sanidade son decisións políticas"

  "Este proceder deixou en evidencia as mentiras de Feijóo e do goberno, pero tamén que os recortes na sanidade pública son decisións políticas", conclúe a líder do Bloque, que tamén acompañou ao persoal mobilizado no propio hospital comarcal. Tanto Pontón como Caballero coidan, adicionalmente, que as consecuencias do acontecido deberan ser tamén políticas. "Se Feijóo tivese un mínimo de dignidade política, asumiría responsabilidades polo peche do paridoiro e cesaría a todos os responsables", considera o secretario xeral dos socialistas.

  Para o grupo Común da Esquerda, o acontecido en Verín amosa ás claras que "cando a cidadanía se mobiliza, hai vitorias", en verbas da deputada Luca Chao. "O que lamentamos -agregaba a parlamentaria tras coñecer a rectificación o pasado sábado- é que isto pasase despois de dous meses de despropósitos e declaracións insultantes que atentaban claramente contra os dereitos das mulleres".

  Aos parabéns á veciñanza verinesa e á petición de cesamentos uníase tamén este luns dende o Grupo Mixto o voceiro de En Marea, Luís Villares. A rectificación, concorda, foi "unha vitoria clara e rotunda da cidadanía fronte ao maltrato sanitario de Núñez Feijóo", pero tamén mostra da necesidade de destitucións no Sergas polo acontecido. Cando menos, indica Villares, do conselleiro Vázquez Almuíña e do xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

  As portas dunha nova mobilización de SOS Sanidade

  A rectificación da Xunta no conflito de Verín e outras medidas para tentar aplacar conflitos sanitarios, como o anuncio da atención a infartos as 24 en Ourense, cando restan apenas tres semanas para unha nova mobilización na defensa da sanidade pública que, previsiblemente, xuntará a práctica totalidade dos colectivos do sector e tamén á propia oposición. Será o 9 de febreiro en Santiago baixo o paraugas de SOS Sanidade Pública.

  No seo desta plataforma ven claro que "esta marcha atrás" amosa "a importancia e necesidade da mobilización social en alianza co persoal sanitario para frear o desmantelamento do sistema sanitario público", pero tamén a demostración de que "a sanidade pasou a estar nun lugar preferente da axenda política". Non obstante, e "dados os antecedentes do señor Feijóo de incumprir promesas e faltar á verdade", SOS Sanidade ve necesario "manter a presión social" a comezar, precisamente, por esa manifestación do 9 de febreiro.

  Foto: Manifestación contra o peche do paridoiro de Verín.
  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados