A mina de cobre impulsada pola multinacional suíza Atalaya Mining nos concellos de Touro e O Pino non se levará a cabo. A Xunta anunciou este martes a emisión dunha declaración de impacto ambiental negativa con relación ao proxecto, poñendo fin á tramitación ambiental desta iniciativa mineira, iniciada en outubro de 2018. O Goberno galego afirma que a declaración negativa parte "da constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta" e, ademais, do recoñecemento de que o proxecto "aumentaría a presión hídrica sobre o río".
A paralización do proxecto mineiro chega despois de case tres anos de intensas mobilizacións nos concellos afectados, pero tamén noutras comarcas do país, nomeadamente na ría de Arousa, outra das zonas que se podería ver máis prexudicada pola mina. Supón, polo tanto, un triunfo da Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non, que pelexou no ámbito político, legal e social para evitar a reactivación desta explotación. "Estamos pletóricos, eufóricos. Contentísimos de que, despois de dous anos, por fin se nos dese a razón", dicía unha das súas voceiras pouco despois de coñecer o anuncio da Xunta.
"Estamos pletóricos. Contentísimos de que por fin se nos dese a razón", dicía unha das súas voceiras pouco despois de coñecer o anuncio da Xunta
A declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fai fincapé nun informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que sinalaba que a actividade mineira se desenvolvería "nun espazo próximo a unha Zona de Especial Conservación (ZEC)", sen que quedasen acreditadas "as correspondentes medidas protectoras e correctoras necesarias". Así mesmo, un informe de Augas de Galicia concluía que a actividade mineira "aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, non podendo garantir un estado ecolóxico óptimo", sinala o Goberno galego.
A declaración negativa parte "da constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta" e, ademais, do recoñecemento de que o proxecto "aumentaría a presión hídrica sobre o río"