E-distrito

Noticias

O CSIC obtén coltán de alta pureza na mina de Viana de Bolo.

O CSIC obtén coltán de alta pureza na mina de Viana de Bolo.

  Un novo procedemento mellora a calidade das sales de niobio e tántalo, o chamado "ouro negro" dos teléfonos móbiles, extraídas de Penouta

  07 febreiro 2020

  A 1.300 metros de altitude, nos montes de Penouta, en Viana do Bolo, está a que é a única mina en Europa dun mineral que xa é o novo “ouro negro”: o chamado coltán, termo coloquial para designar a mestura en proporción variable de columbita e tantalita, rochas que conteñen niobio e tántalo, ten neste recuncho ourensán o único lugar onde se extrae en toda Europa. Este composto é un compoñente esencial para a industria tecnolóxica, xa que o tántalo se usa na súa forma de óxido para a elaboración de condensadores, acumulando carga eléctrica de maneira moi eficaz e libéraa de forma moi eficaz en circuítos integrados, presentes nos dispositivos electrónicos, desde os smartphones ata as consolas de videoxogos. Noutros sitios, como o Congo, o coltán é fonte de conflitos, violencia e espolio a gran escala nunha das zonas máis pobres do planeta.

  Este martes, o CSIC anunciou nunha nota de prensa que un equipo do Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas (CENIM) desenvolveu un procedemento para recuperar o estaño da mina de Penouta e extraer, a partir da escoura resultante, niobio e tántalo. Trátase, segundo salienta o CSIC, “dos primeiros compostos desas materias primas sintetizados en España na primeira e única mina para a súa extracción de toda Europa”.

  “O coltán é un mineral relativamente escaso que contén niobio e tántalo e forma parte dos minerais estratéxicos para a Unión Europea”, explica Félix Antonio López, investigador do CSIC no CENIM. López lidera o proxecto ESTANNIO, en colaboración coas empresas Strategic Mineral KROWN, que busca deseñar procesos para aproveitar os residuos mineiros de Penouta. A empresa Rumasa explotou este xacemento ata o seu peche en 1982, o que provocou unha gran cantidade de residuos que conteñen estes valiosos minerais.

  O coltán de Viana do Bolo

  O rápido aumento da demanda e o feito de que a súa obtención “estea vinculada a zonas con explotación infantil e conflitos bélicos, como o Congo, fan esencial lograr unha alternativa que permita obter estes minerais en zonas libres de conflitos, caso dos países europeos”, apunta o CSIC.

  “Desde que a empresa mineira renovou a actividade hai uns meses —explica Francisco Polonio, director de Strategic Minerals—, están a procesarse as balsas e vertedoiros da antiga mina e estase iniciando a explotación do xacemento ao descuberto, de onde se extraen estaño, tántalo e niobio, e adicionalmente cuarzo, feldespato e mica”.

  A partir dos minerais extraídos na mina, un equipo de investigadores do CENIM desenvolveu un proceso que permite obter estaño de alta pureza e posteriormente, da escoria resultante, compostos de niobio e tántalo. “O niobio e o tántalo son dous elementos con moita afinidade química e a súa separación selectiva é complicada. Para iso, temos que separar primeiro o estaño e despois aplicar un proceso laborioso para obter sales comerciais tanto de niobio como de tántalo, e facelo ademais con rendementos e purezas atractivas para a súa explotación comercial”, explica o investigador do CSIC Félix Antonio López.

  O método permite acadar “unha calidade comercial que non se pode lograr cos métodos tradicionais”

  Os científicos desenvolveron unha serie de procesos químicos cos que conseguen separar estes valiosos metais, a través de distintas etapas de lixiviación e extracción con disolventes orgánicos, e alcanzar unha calidade comercial que non se pode lograr cos métodos tradicionais. “Obtivemos lingotes de estaño cunha pureza do 95% e as primeiras de sales de niobio e tántalo cunha calidade comercial de ata un 97% e un 99%, respectivamente”.

  Estímase que a vida útil da mina será de 35 a 40 anos, como mínimo. Ademais, a diferenza doutros proxectos, segundo salientan os impulsores do proxecto, os traballos na mina de Penouta non produciron rexeitamento social, “xa que a súa reactivación xerou emprego no municipio”. Así mesmo, sosteñen que tampouco existe risco ambiental, pois “o proceso de obtención dos concentrados non o implica”, engade o director de Strategic Minerals. Con todo, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural cuestionaron no seu momento o proxecto.

  A mina de Viana do Bolo sitúase nunha zona con décadas de actividade mineira. Entre 1965 e 1971 extraeuse granito e despois, ata 1985, extraeuse estaño e tantalio, ata que os baixos prezos dos minerais levaron ao peche da explotación. No lugar quedaron grandes volumes de rochas e gravas sen aproveitar, xerando ademais un importante impacto ambiental debido a que os responsables da restauración non cumpriron coas súas obrigas. Foi en 2013 cando se reactivou a actividade, nun contexto de revalorización do coltán pola súa importancia na industria tecnolóxica.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados