Incógnita despexada. O electorado galego estará chamado a renovar a composición do Parlamento o vindeiro 5 de abril. Como nas dúas anteriores ocasións nas que lle correspondeu a responsabilidade de convocar os comicios, Alberto Núñez Feijóo vén de secundar a data elixida polo lehendakari do Goberno vasco e dá por esgotada a lexislatura uns meses antes do previsto para coincidir no 5A. Así o anunciou esta tarde, como avanzara Praza.gal. Faino escasas semanas despois de que o PPdeG reiterase a súa intención de esgotar a lexislatura.
Como nas dúas anteriores ocasións nas que lle correspondeu convocar os comicios, Feijóo secunda a data elixida polo lehendakari
Coa cuestión da súa cuarta candidatura á Xunta aínda por despexar -se ben todas as mensaxes que lanzou nas últimas semanas en clave interna e externa apuntan a que recuncará-, Feijóo lanza de vez unha carreira electoral na que o PP ten o reto de reter o Goberno. Ou, o que é o mesmo, de manter unha hexemonía que neste 2020 suporía un fenómeno aínda máis inédito no contexto estatal do que xa o foi en 2016. A campaña comezará o venres, 20 de marzo, e o 5 de maio botará a andar a Cámara elixida nas urnas.
Na súa comparecencia ante os medios, Feijóo tentou defender a súa decisión argumentando “coherencia” coa súa defensa de evitar que se celebren varias eleccións seguidas, como sucedeu nos últimos anos coas xerais e as municipais. "Nin os galegos nin a Xunta somos responsables desta situación de inestabilidade, ao contrario, o que sempre intentamos desde Galicia foi aportar estabilidade", dixo, para engadir que coñecendo os adiantos en Euskadi e Catalunya decidiu “reducir ao máximo o período electoral para preservar ao máximo a estabilidade”. Outro argumento empregado por Feijóo foi o de que o novo Goberno galego que saia das urnas terá así tempo para preparar os Orzamentos do próximo ano, algo que sería máis axustado se se celebrasen despois do verán.