A policía detivo este martes en Málaga a Emilio Lozoya, director de Pemex durante a etapa na que a petroleira mexicana e a Xunta de Núñez Feijóo acordaron unha "alianza estratéxica" que deu lugar a varios acordos que quedaron na construción de dous floteis, a fracasada compra de Barreras, unha morea de promesas incumpridas e unha denuncia da Fiscalía de México.
A policía detivo en Marbella a Emilio Lozoya, director de Pemex que apadriñou os acordos coa Xunta e impulsou a compra de Barreras, agora investigada
Foi precisamente a Fiscalía General de la República (FGR) de México quen confirmou ás 16.30 da tarde deste martes a detención de Lozoya, prófugo da Xustiza desde hai tempo e tamén un dos principais sinalados pola trama de subornos da construtora brasileira Odebrecht. Inhabilitado xa para ocupar cargos públicos durante dez anos no seu país, o ex-director de Pemex foi tamén acusado polo Minsiterio Fiscal por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte da petroleira, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas.