E-distrito

Noticias

A Antártida rexistra unha temperatura récord de 18,3 graos

A Antártida rexistra unha temperatura récord de 18,3 graos

  Unha base arxentina detecta a marca, que bate a anterior de 17,5 graos, e os expertos din que o continente xeado está a quentarse rápidamente.

  14 febreiro 2020

  “Esperanza”, unha base de investigación arxentina na punta norte da Antártida, rexistrou este xoves unha temperatura de 18,3 graos, un novo récord que bate o anterior de 17,5 graos que databa de marzo de 2015, segundo informou hoxe a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM).

  “É unha temperatura que non asociamos á Antártida, nin sequera na tempada de verán”, comentou en Xenebra a portavoz da OMM, Clare Nullis. Expertos do organismo formarán un comité especial para verificar se efectivamente é un novo récord para o continente xeado, para o que analizarán todos os datos que logren reunir.

  O experto da OMM sobre Clima e Extremos Climáticos, Randal Cerveny, adianta que “todo o que vimos ata o de agora indica que probablemente se trata dun récord lexítimo, pero por suposto faremos unha avaliación formal”. Os datos que empregarán serán os do Servizo Meteorolóxico de Arxentina, que serán avaliados xunto coas condicións meteorolóxicas que rodearon o evento.

  A OMM explicou este venres que o récord parece estar relacionado no curto prazo co que se denomina “foehn”, que consiste nun vento morno que baixa dunha ladeira.

  Con todo, o que se sabe por agora da Antártida é preocupante xa que a rexión onde se observou o récord é a máis próxima ao extremo sur de Sudamérica e a que máis rápido está a quentarse en todo o planeta.

  “Falamos moito do Ártico, pero esta parte específica da península antártica está a quentarse moi rápido. No últimos cincuenta anos a temperatura alí aumentou case 3 graos”, detalla a portavoz.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados