O rural está ao límite. Os baixos prezos pagados polos produtos agrícolas e gandeiros, as dificultades para a instalación de industrias de transformación, o desmantelamento dos servizos públicos ou os problemas de comunicación, mobilidade e transporte afondan nunha crise que é económica, pero tamén demográfica.
En todo o Estado español labregos e gandeiros están saíndo ás rúas para reclamar dos gobernos medidas efectivas que permitan sobrevivir ao sector primario. De feito, Galicia perdeu a cuarta parte dos empregos no sector primario na última década. Este mércores un grupo de produtores e produtoras concentráronse ás portas da Subdelegación do Goberno central, na Coruña, para esixir un decálogo de medidas, moi semellante ao presentado hai unhas semanas polo Sindicato Labrego Galego e ao defendido por outras organizacións.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, reclamaba este martes que "Goberno central e Xunta deben poñerse a traballar sen demora para impulsar os cambios lexislativos que permitan poñerlle creo á crise do rural", subliñando que "agricultores e gandeiros non poden seguir véndose forzados a vender a perdas, e as administracións deben tomar parte".
"O rural non pode máis!", "O noso traballo non se regala!" e "Prezos xustos xa!", foron algúns dos berros máis repetidos polos participantes na mobilización. "É xusto que un produtor da Limia cobre apenas 15 céntimos polas patacas que o consumidor merca a 1,25 no supermercado? Nós cremos que non", dicía un dos labregos que interviron.
Unións Agrarias esixe "que se establezan prezos xustos por lei" e se remate cos "abusos" das industrias, "que se aproveitan do carácter perecedoiro dos produtos do campo para forzar vendas abusivas que non cobren custos"