E-distrito

Noticias

Sobre todo, moita calma: claves fronte á histeria do coronavirus

Sobre todo, moita calma: claves fronte á histeria do coronavirus

  O carrusel de novas e a alarma xerada arredor da doenza xera unha preocupación, en moitos casos excesiva, entre a cidadanía.

  02 marzo 2020

  A histeria, a alarma e o pánico son ferramentas moi efectivas para captar a atención. Sábeno desde hai miles de anos os contadores de historias, e sábeno tamén os responsables de propagar nestes días as noticias sobre o coronavirus cun enfoque semellante ao dunha retransmisión deportiva, cun marcador en pantalla á espera dunha nova información máis grave cá anterior. Porén, tal e como veñen salientando as autoridades sanitarias, tanto no eido internacional como a nivel estatal e rexional, un coñecemento o máis amplo posible da situación, e a súa transmisión aos cidadáns, é a vacina máis acaída para frear unha preocupación innecesaria. Tal e como expoñía estes días a revista científica The Lancet nun editorial, é preciso combater o pánico con información. E estas son algunhas das claves.

  Pero como de grave é?

  A COVID-19 é a enfermidade causada polo coronavirus. Os síntomas máis habituais son febre, cansazo, tose seca e sensación de falta de aire. Nalgúns casos aparece tamén dor e malestar xeral, conxestión nasal ou diarrea. O 80% das persoas recupérase da doenza sen necesidade de tratamentos especiais, pero no caso de xente con afeccións previas ou grupos de risco, debido á súa idade, por exemplo, poden ver agravada a súa saúde, como acontece coa gripe. A taxa de letalidade global é do 3,4%, pero varía en función dos países.

  Respecto cara aos máis débiles

  Este é un dos aspectos que pode levar a confusión. Aínda que para a maioría da poboación a COVID-19 non pase dun arrefriado, hai un grupo de persoas que están máis indefensas fronte a ela. Acontece en Galicia todos os anos coa gripe, debido á cal morren decenas de persoas. Este ano, por exemplo, segundo datos do Sergas, 25 persoas faleceron por esta enfermidade, e outras 34 que ingresaron con gripe morreron por complicacións debidas a outras doenzas que xa padecían.

  Ao non existir unha vacina, e tratarse dun virus "novo", este grupo de persoas é máis vulnerable, o que podería levar a un aumento dos ingresos hospitalarios e, por tanto, unha posible saturación, aínda maior, dos servizos de urxencias.

  Por que as advertencias da OMS?

  A preocupación de entidades como a OMS débese á posibilidade de que a COVID-19 se propague a gran escala en países en vías de desenvolvemento, cun sistema sanitario que non poida facer fronte a un previsible aumento de casos e non dispoña de ferramentas avanzadas para a detección precoz e a contención. Este é o caso, por exemplo, de Irán, onde xa se rexistraron 26 falecementos (o 10,6% dos casos totais).

Fonte: ministerio de sanidad.
Fonte: Ministerio de Sanidad.

  Do mesmo xeito, estanse a difundir informacións confusas que relacionan a existencia da pandemia (un termo relacionado coa cantidade de casos e a súa expansión xeográfica) cunha maior gravidade da doenza. Explícano ben os investigadores Oriol Mitjà e Laia Bertrán neste artigo publicado pola Agencia SINC.

  As máscaras NON son necesarias para todo o mundo

  O medo ao contaxio está levando ao esgotamento das existencias de máscaras, mesmo en Galicia, onde non se produciu aínda ningún caso. Tal e como explica a OMS, a máscara só e precisa no caso de profesionais médicos que atenden a pacientes sospeitosos de padecer a COVID-19. No caso de persoas sas, non hai probas de que unha máscara reduza o risco de contaxio. O virus transmítese a través das pequenas pingas procedentes do nariz ou a boca dunha persoa infectada, polo que é posible contaxiarse tamén ao tocar obxectos e superficies nos que caian estas pingas e despois tocar os ollos, o nariz ou a boca.

  O máis efectivo é, como no caso doutras doenzas contaxiosas, lavar as mans de forma frecuente, cubrir a boca e o nariz ao tusir co cóbado flexionado (non coas mans) ou cun pano de papel (e tiralo posteriormente), e tomar precaucións

  E se viaxei a unha zona de risco, ou penso que podo estar infectado?

  Desde Galicia, o Servizo Galego de Saúde ten activado, no marco da colaboración co Ministerio de Sanidade e as outras comunidades autónomas, un protocolo de actuación en caso de que xurdan positivos. Dentro destas medidas, recoméndase que ao chegar dunha viaxe aérea a unha área de risco, se faga vida normal tanto en familia, con amigos e no ámbito escolar e laboral, non sendo preciso tomar medida algunha, e, no caso de observar sintomas durante os 14 días seguintes (febre, tose, sensación de falta de aire), deberase contactar co 061.

  Alén disto, en Galicia está habilitado un teléfono (902 400 116) para solicitar información xeral sobre o coronavirus. Con todo, o risco de propagación segue sendo baixo.

  Unha longa lista de boatos

  A OMS viuse obrigada a publicar unha listaxe de desmentidos debido aos boatos que xurdían como posibles medidas contra a doenza. Desde a cocaína ou o allo, pasando polo aceite de sésamo, ata o uso de antibióticos (destinados a combater bacterias, non virus) ou o suposto risco de recibir paquetes desde China.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados