E-distrito

Noticias

O estado de alarma polo coronavirus prorrogarase cando menos 15 días máis

O estado de alarma polo coronavirus prorrogarase cando menos 15 días máis

"Trátase dunha medida drástica, moi incómoda, que está afectando a todas as familias, pero os expertos coinciden que é unha medida efectiva", sinalou Pedro Sánchez.

  22 marzo 2020

  O Goberno central prorrogará o estado de alarma, cando menos, 15 días máis. Así llo comunicou esta mañá Pedro Sánchez a todos os presidentes autonómicos esta mañá nunha xuntanza telemática na que tamén participaron os catro ministros delegados. O actual estado de alarma, que foi declarado o pasado sábado 14, remataría o vindeiro domingo 29, pero a incidencia do coronavirus, que non deixa de medrar e que aínda non chegou ao seu pico no Estado Español, obriga a estendelo.

  A medida, que deberá ser aprobada polo Congreso, manterá o confinamento obrigatorio e a limitación de movementos ata o remate da Semana Santa

  Esta extensión, de momento de 15 días máis, deberá ser aprobada polo Congreso dos Deputados, onde semella que o Goberno contará co apoio da maior parte dos grupos para esta medida, como así o anticipou hai días o líder do PP, Pablo Casado.

  O estado de alarma e as súas medidas excepcionais para frear a propagación do virus, comezando polo confinamento obrigatorio e a limitación de movementos, chegaría así ata o vindeiro 12 de abril, abranguendo polo tanto toda a Semana Santa.

  "Trátase dunha medida drástica, moi incómoda, que está afectando a todas as familias, pero os expertos coinciden que é unha medida efectiva na loita contra o coronavirus", sinalou Sánchez na rolda de prensa que concedeu unha vez rematada a xuntanza telemática. Ademais, Sánchez esixiu "responsabilidade social e disciplina cívica" á sociedade para frear o brote. "Non se pode saír todos os días a facer a compra. Quen se crea á marxe debe ser consciente de que se comporta como un aliado do virus", dixo.

  "Non se pode saír todos os días a facer a compra. Quen se crea á marxe debe ser consciente de que se comporta como un aliado do virus", dixo Sánchez

  Así mesmo, o presidente do Goberno informou de que quedarán restrinxidas durante 30 días as viaxes a España dende outros países, una restrición que non se aplicará dentro do espazo Schengen a persoas que se dirixan ao seu lugar de residencia. De igual xeito, Sánchez anunciou que os fogares con persoas infectadas polo coronavirus non poderán deitar o lixo nos contedores de reciclaxe, senón que as bolsas terán que ser depositadas "debidamente pechadas"  exclusivamente "no contedor de fracción resto". 

  Durante a xuntanza, Alberto Núñez Feijóo e outros presidentes autonómicos criticaron ao Goberno central a falta de equipos de protección, cuxa compra e xestión está centralizada no Executivo do Estado. Xa o pasado venres o presidente da Xunta denunciou publicamente que o Sergas leva nove días sen recibir estes subministros, unha crítica que este venres repetiu o vicepresidente Alfonso Rueda. Feijóo avanzou que a Xunta está a procurar posibles vendedores "para o caso de que se nos deixe mercar de forma directa"

  Este sábado pola noite Pedro Sánchez xa subliñou que "o peor está por chegar" e anticipou que "os casos diagnosticados e o número de falecidos van aumentar nos vindeiros días"

  Este sábado pola noite o presidente do Goberno central xa subliñou que "o peor está por chegar" e anticipou que "os casos diagnosticados e o número de falecidos van aumentar nos vindeiros días". "Estamos nun momento crítico e van chegar días moi duros, para os que nos temos que preparar dende o punto de vista psicolóxico e emocional", engadiu, facendo ademais un chamamento a manter a "unidade" e o respecto de todas as persoas ás medidas decretadas: "de todos nós depende que a situación cambie".

  España suma 28.572 casos confirmados de coronavirus; ademais, producíronse 1.720 falecementos e hai 2.575 pacientes recuperados. Porén, as cifras seguen a aumentar de forma exponencial. Espérase que o pico da enfermidade chegue ao longo desta semana, que é cando se deberían percibir os efectos das medidas adoptadas o pasado sábado 14. O punto de inflexión da pandemia (o momento no que habería máis recuperacións que novos casos positivos) non chegaría ata mediados de abril.

  A situación en Madrid é a que máis preocupa, con 9.702 casos positivos, seguida de Cataluña (4.704) e País Vasco (2.097). Porén, na rexión de Madrid rexístranse máis da metade das mortes totais e ao redor do 40% do ingresos en UCI. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados