E-distrito

Noticias

Doble golpe a Feijóo en poucos días: a AN sinálao como responsable do afundimento das Caixas, e o Presidente de Pescanova é condenado a 8 anos de prisión.

Doble golpe a Feijóo en poucos días: a AN sinálao como responsable do afundimento das Caixas, e o Presidente de Pescanova é condenado a 8 anos de prisión.

   A Audiencia Nacional acusa á Xunta de impulsar unha fusión das Caixas "obrigada"; o Presidente de Pescanova, estreito opositor ao bipartito PSdG/BNG e baluarte de Feijóo, é condenado a 8 anos de prisión.

  A práctica totalidade dos medios galegos informan de ambas novas sen relacionar ao presidente da Xunta.

  08 outubro 2020

-  Quebra das Caixas.

   A Audiencia Nacional incide con contundencia no fracaso da fusión das caixas galegas e sinala responsables. Nun auto do pasado 1 de outubro, culpa a Caixa Galicia da quebra e o posterior rescate das entidades e advirte da responsabilidade da Xunta por impulsar malia todo unha fusión que precisou máis de 9.000 millóns de euros públicos, dos que se perderon practicamente todos. 

  "A única razón pola que o FROB interveu foi pola situación económico-financeira na que se atopa en 2010 Caixa Galicia antes de que se producise a fusión", din os tres xuíces da sección 2 da Sala do Penal nun auto no que a Audiencia Nacional se declara incompetente para xulgar ex-dirixentes de Caixanova polo suposto prexuízo.

  Nunha opinión inédita da Audiencia Nacional, o tribunal carga con dureza contra o proceso e as decisións e propostas dos supervisores do Banco de España e da Xunta de Galicia, que impulsaron unha fusión que supuxo unha xigante perda para os contribuíntes ou milleiros de aforradores afectados polas preferentes. 

  O auto supón a constatación de algo tan sabido xa como obviado por moitos dos seus protagonistas: o rescate das caixas foi provocado pola quebra da entidade do norte e a fusión acabou sendo imposta a Caixanova, que "nunca tería sido intervida se non fose obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a Novacaixagalicia". 

  Segundo conta tamén El País, hai documentos do Banco de España que deitan luz sobre a situación das entidades. Un de apenas un ano antes de confirmarse a fusión advirte de que Caixanova "podería vivir por si sola aídna que con dificultades e esforzo". Outro advirte de do "risco moi alto" na solvencia de Caixa Galicia, da que se dubida da "súa viabilidade como entidade independente" pola "desafortundada expansión da caixa desde 2005, cunha agresiva política de créditos sen reforzar os controis de riscos e financiándose nos mercados maioristas".

  A principios de 2010, e malia as recomendacións evidentes en contra, a Xunta irrompe co xa famoso informa solicitado a KPMG. Logo de defender a "solvencia" e "galeguidade" da futura entidade, o Goberno galego esgrimiu este documento que presentara como unha "auditoría externa" que "avala a solvencia da fusión". 

  En realidade, como transcendería posteriormente e como a propia KMPG reiteraría en público nos anos seguintes, a consultora nunca realizou unha auditoría nin "avalou" a fusión. Tratábase dun informe que "en ningún caso era unha auditoría" e que "non recomendaba a fusión" que acabou celebrándose, tal e como advertiu no Parlamento e no Congreso dos Deputados un dos executivos que o elaborou. Si incluía unha "recomendación", pero non era fusión paritaria, senón "a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova".

  Tras o nacemento de Novacaixagalicia, a mediados de 2011, e logo da inxección de varios miles de millóns de euros polas novas esixencias da lexislación estatal, a entidade viuse empurrada a transferir o seu negocio bancario a unha entidade de nova creación, Novagalicia Banco, a mesma que será definitivamente rescatada polo Estado a finais de ano con outros 2.465 millóns.

  O novo banco pasaba a ser público pero non por moito tempo. Un ano despois, o Estado culminou a súa venda por uns 1.000 millóns de euros ao grupo venezolano Banesco. Cos restos das caixas, Banesco creou Abanca, entidade que a comezos deste ano xa sumara en beneficios máis do triplo do que lle custara mercar Novagalicia Banco.  

  Polo camiño quedaron máis de 9.000 millóns de euros públicos -segundo cálculos efectuados polo Banco de España en 2019.

-  Pescanova. 

  No se puede esperar más. O 22 de febreiro de 2009, a unha semana das eleccións galegas, o daquela presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, publicaba un artigo de opinión no xornal La Voz de Galicia no que avogaba abertamente por un cambio de Goberno na Xunta. "Es necesario un cambio urgente", clamaba, para suprimir "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas" que, laiábase, padecían empresarios coma el. Cando escribía estas palabras, segundo a Audiencia Nacional, xa tiña en marcha a estrutura para falsificar as contas da empresa pola que vén de ser condenado a oito anos de prisión.

  Naquel texto, quen naquela altura era padroeiro da fundación do editor do devandito xornal viña atribuír o Executivo de PSdeG e BNG "falta de capacidad o de conocimiento" e "distracciones" que puñan en risco as "cotas de producción que Galicia se ha venido labrando con esfuerzo y tesón". Ou se producía o "cambio" polo que clamaba, ou "continuaremos con la destrucción del empleo y ello podría ser el fin de Galicia; la vuelta a la emigración", alertaba.

  De Sousa tomaba así partido evidente polo retorno do PP ao Goberno galego despois dunha lexislatura de aberto enfrontamento co Executivo de socialistas e nacionalistas.

  Hoxe.

  "Métodos de financiamento amparándose en relacións comerciais ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais", compras e vendas que nunca existiron e contas falseadas. É o mosaico de irregularidades que a sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional vén de trazar ao longo dos máis de 600 folios que compoñen a sentenza na que condenan por falsear as contas de Pescanova a unha ducia de persoas. Encabézaas quen fora presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, a quen impón unha condena de 8 anos de prisión.

  A sentenza, contra a que cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo, sitúa a Fernández de Sousa na cúspide dunha trama que, a partir da crise financeira de 2008, "planeou seguir obtendo financiamento bancario" mediante "prácticas irregulares" que a continuación complementaban co falseamento das contas. Así, durante anos, Pescanova lucía "resultados positivos que non se correspondían coa situación real", pero que lle permitiron captar "novos investidores".

  Os maxistrados relatan os feitos polos que son condenados os ex-directivos de Pescanova agrupándoos en tres fases. A primeira é a da "creación de formas ilegais de financiamento" e a simulación de operacións comerciais xa fose con filiais da compañía ou mesmo con "empresas ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais" coas que "simulaban operacións de compravenda de peixe".  Nese punto, sentencian, incorreron en falsidade de documento mercantil.

  A "segunda fase" foi a de lograr o financiamento bancario que derivou en estafa. "Os enganados (...) eran os bancos e o mecanismo do engano foron as facturas", resume a Audiencia Nacional. A dirección de Fernández de Sousa facía ver que esas "remesas de facturas" estaban "vinculadas a uns inexistentes contratos de compravenda de peixe".

  Unha imaxe das contas "moi distinta á real"

  É aquí onde os maxistrados sinalan a "terceira fase" da trama, con "dúas partes". Unha delas, detallan, consistía en "trasladar ás contas anuais e outros documentos" unha "imaxe con beneficios e pouca débeda financeira" que en realidade era "moi distinta á real". Esa imaxe de falsa bonanza económica "transmitiuse perfectamente ao público en xeral e aos investidores en particular".

  "Unha vez conseguida esa boa imaxe -abondan- tratábase de captar investidores que lles permitisen unha situación financeira máis relaxada que a propia do financiamento bancario". Para a Audiencia, ese procedemento non é máis ca unha  mestura do delito de falseamento de contas anuais co de falseamento de información económica e financeira. Todo, segundo a sentenza, sucedía "con coñecemento do auditor interno" e sen "adecuado control do auditor externo", que traballaba para a empresa BDO Auditores, que "non puxo obxección ningunha á formulación das contas" antes de seren remitidas coas cifras falseadas á Comisión Nacional do Mercado de Valores. BDO anunciou este propio martes a súa intención de recorrer a sentenza, subliñando que "fomos enganados e vítimas do entramado e fraude organizado pola dirección de Pescanova".

  No caso de Fernández de Sousa, a Audiencia engade a todos estes delitos o de alzamento de bens porque xunto á súa muller, Rosario Andrade, "sacou 4 millóns e medio de euros das contas de España" e trasladáronas a dous bancos portugueses unha vez que empezou a transcender que as contas de Pescanova eran falsas. Acto seguido, asegura a sentenza, procuraron enviar os cartos a Hong Kong.

  As condenas

  A amplísima sentenza, que vén culminar unha causa de máis de 80.000 folios, deriva así en sete absolucións e 12 condenas que, non obstante, advirte a propia Audiencia, son "sensiblemente inferiores ás solicitadas polas acusacións". A razón é que o tribunal entende que "os delitos de falsidade en documento mercantil, estafa, falseamento de contas anuais e falseamento de información económica e financeira" foron cometidos "en concurso medial", isto é, un delito é preciso para cometer outro, e "non poden ser penados de maneira independente".

  O principal condenado é Fernández de Sousa, a quen a Audiencia atribúe delitos de falsidade en documento mercantil cometido por particulares, estafa agravada, falseamento de contas anuais, falseamento de información económica e financeira e alzamento de bens. Outros directivos reciben condenas que oscilan entre os 6 meses e os 3 anos de cadea. O tribunal desbota, ademais, que os condenados padecesen dilacións indebidas no proceso.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados