E-distrito

Noticias

A Xunta ordena aos médicos de Atención Primaria que non fagan PCR a contactos estreitos de positivos por COVID

A Xunta ordena aos médicos de Atención Primaria que non fagan PCR a contactos estreitos de positivos por COVID

  Tamén modificou o protocolo para que contactos estreitos de positivos acudan a centros escolares e postos de traballo ata que se confirme o positivo. 

  Medidas similares veñen implantando na Comunidad de Madrid desde o pasado mes de setembro.

  [ Actualización 10 de novembro: O Conselleiro de Sanidade, García Comesaña, declara que aos médicos de Atención Primaria se lles permitirá solicitar probas PCR a contactos estreitos de positivos por Covid se o consideran oportuno. A resctificación chega despois de que moitos médicos de Atención Primaria anunciaran que non pensaban deixar de pedir PCR nos casos mencionados. ]

  09 novembro 2020

  O Goberno de Feijóo ordenou aos seus médicos de Atención Primaria que deixen de pedir probas PCR aos contactos estreitos con casos positivos de coronavirus que se presentan nas súas consultas reclamando atención. A decisión foi comunicada a través dun envío masivo de correos electrónicos, con data do pasado 29 de outubro, que empezaron a chegar aos centros médicos de toda Galicia. 

  Feijóo mantén a opacidade sobre o número de rastreadores de coronavirus cos que conta Galicia 

  O correo asegura o seguinte: "Tras a reunión coa Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e para evitar duplicidades indícasenos que transmitamos aos médicos de familia que non soliciten PCR aos contactos estreitos". En caso de cumprir a orde, os médicos que confirmen en consulta un caso positivo de COVID-19 non pedirán probas aos conviventes da persoa que resultou infectada e que se presentan nas consultas reclamándoas. En lugar de facelo, deberán enviar un correo electrónico ao Central de Seguimento de Contactos de Galicia (CSC), un organismo cuxa composición é un misterio e que a propia Xunta recoñece que non funciona ben. Tal e como reza o correo electrónico: "Sobre os pacientes que detectedes como contactos non identificados polo CSC ou non seguidos por eles remitide mail ao CSC con nome completo e teléfono do paciente". 

  Varios médicos consultados por esta redacción relatan que o envío da información a este departamento de rastreadores "non funciona". Segundo o relato dun deses facultativos, "hai contactos sen illar, familias ás que dan o alta sen facerse unha PCR e contactos de enfermos que tras a chamada dos rastreadores continúan indo aos seus postos de traballo". Desde a Xunta recoñecen que o sistema ás veces falla pero aclaran que "ás dúas horas de confirmar un positivo os rastreadores xa están a localizar os contactos".  

  A orde que recolle a mensaxe adáptase á última modificación dos protocolos do Goberno galego e cuestiona en parte a figura do médico de cabeceira como primeira columna de defensa fronte ao avance da pandemia. Segundo relata a elDiario.es o director xeral de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, os facultativos "non achegan valor engadido" cando se trata de casos que non presentan sintomatoloxía. Atrás queda o tempo no que o propio Feijóo dicía que os doutores de proximidade eran tamén rastreadores, un tipo de profesional sobre o que todo é opacidade en Galicia. Aboal discute, en conversación telefónica con esta redacción, que se estea apartando aos médicos de familia dos labores de rastrexo: "Fan un labor moi importante, e eles correspóndelles localizar casos con sintomatoloxía clínica nas súas consultas". O resto, segundo o seu relato, é labor da central de seguimento. 

  O CSC é un organismo cuxa dirección recae na Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta. Ninguén sabe canta xente traballa nel, nin sequera o director xeral de asistencia sanitaria: "Eu non o sei. Podo dicirlle cantos médicos e enfermeiras temos pero non cantos traballan no CSC. É como un acordeón que se adapta ás necesidades. Ás veces é estreito e agora é ancho". A última vez que un medio de comunicación lle preguntou por esta cifra ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a resposta foi: "Non llo vou a dicir". A pesar das dúbidas sobre o seu sistema Feijóo asegura que a súa administración está "a insistir no tema do rastrexo". Durante a rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno deste xoves, o presidente da Xunta asegurou o seguinte: "Fomos das primeiras comunidades que levantamos a man cando Defensa dixo que poñía rastreadores a disposición. Se pon [máis] rastreadores formados imos dicir que si. E se non están formados diremos que si e formarémolos. O rastrexo é fundamental para rebaixar o número de contagios". 

  Nun dos correos que ordena aos médicos do sistema público deixar de pedir PCR pola súa conta, o director de Atención Primaria de Santiago, Felipe Cale Velles, afirma que "no referente ao CSC espérase que nos próximos días mellore o seu funcionamento tras os cambios realizados". Quen o di é o responsable de Atención Primaria dunha área sanitaria especialmente golpeada polo avance da pandemia e cun puñado de concellos confinados perimetralmente e a súa hostalería obrigada a botar a persiana. Á fronte desta área sanitaria está Eloína Núñez, curmá de Alberto Núñez Feijóo e protagonista dunha das primeiras grandes polémicas da primeira onda da Covid-19 en Galicia. A orde dada pola Xunta aos seus médicos para que freen a petición de probas non supuxo unha reducción no número de PCR realizadas. Máis ben ao contrario: o día no que se envío ese correo electrónico en Galicia realizáronse 8.769 probas PCR. Ao día seguinte a cifra subiu a 9.184. Ou ben os médicos non atenderon ao requirimento, ou a Xunta e as súas rastreadores ordenaron a realización de test en ámbitos afastados da clientela dos centros de saúde. 

  Derivado de ElDiario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados