E-distrito

Noticias

Rematou a pandemia de covid? As estatísticas de mortalidade apuntan (con prudencia) a que si

Rematou a pandemia de covid? As estatísticas de mortalidade apuntan (con prudencia) a que si

  Os datos indican que a letalidade do virus en Galicia está ao mínimo desde o inicio da pandemia

  08 setembro 2022

  Adeus ás máscaras no patio, os grupos burbulla, os patios diferenciados e as rutinas con distancia. O inicio do curso escolar 2022/23 é outro punto de inflexión que deixa atrás, como nun pesadelo non tan afastado, a pandemia de covid. E aínda que todo o verán fluíu entre verbenas, festas familiares e feiras multitudinarias, mantéñense limitacións e uso obrigado de máscara no transporte público, hospitais ou centros de saúde á espera de que o Ministerio de Sanidade adopte outra determinación en función das estatísticas que apontoan a baixa mortalidade sostida e a ansiada gripalización da covid.

  Os datos indican que a letalidade do virus en Galicia está ao mínimo desde o inicio da pandemia —10 de marzo do 2020— desde que se eliminaron as medidas de confinamento e protección individual apontoando unha gripalización da infección á que sinalaban os expertos como indicativo e sinal da superación da pandemia.

  Manter a prudencia

  Rematou esta pandemia? Preguntámosllo a Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “Varias veces fíxonos ver que terminaba e repuntou, así que hai que ser prudentes e agardar. Se non aparecesen novas variantes de ómicron, coa alta porcentaxe de poboación inmunizada, puidese ser que fose o final pero hai que esperar e reforzar o coidado e a protección da poboación máis vulnerable”, apunta o catedrático.

  De acordo cos datos do Sergas, o pasado domingo 4 de setembro constaban 118 novas persoas diagnosticadas por covid nas últimas 24 horas nos rexistros sanitarios para un total de 1.354 pacientes con infección activa: dous na UCI e 130 en planta na rede de 33 centros hospitalarios públicos e privados de Galicia. Moi, moi lonxe xa das cifras de récord que chegamos a alcanzar no pasado mes de xaneiro, nunha das ondas máis virulentas e con maior incidencia en número de casos aínda que menos mortífera grazas á acción protectora da vacina.

  Se nos centramos especificamente na mortalidade, o número total de falecidos en Galicia é de 3.889 desde o 16 de marzo do 2020, cando se rexistrou a primeira vítima por coronavirus na comunidade: un home de 45 anos na Coruña. Un dos días máis fatídicos non nos queda tan lonxe: foi o 1 de febreiro do 2021, cando se rexistraron 67 falecidos só na nosa comunidade. Foi o pico dunha escalada que comezara a elevarse no Nadal do 2020. A vacinación masiva forzou o descenso a partir da primavera do 2021 pero aínda houbo dous picos de mortalidade ese verán, un moderado e outro que volveu dispararse a partir de decembro do 2021 e mantívose ata xullo 2022, —cun pico de 40 falecidos en 48 horas— para iniciar un descenso, que agora si, é consistente.

  En canto a mortalidade, a franxa de idade máis castigada foi a que vai de 80 a 89 anos (42,6%) que concentrou a maior porcentaxe de vítimas seguida dos maiores de 90 (28,5%). En terceiro lugar, a franxa dos septuaxenarios (19%), que practicamente cuadriplicaba a mortalidade das persoas que pasaban dos 60 (6,5%). De aquí para abaixo, a incidencia é moito menor: un 2,7 para os maiores de 50 anos e un 0,4 no caso dos que pasan dos 40.

  Lonxe da “fase aguda”

  “Para avaliar a xestión da pandemia non podemos atender só á letalidade nin á mortalidade porque son conceptos diferentes; o primeiro é a porcentaxe dos que morren do total de infectados, —que pasou de moi graves a infinidade de casos leves— e a mortalidade atende á porcentaxe total de poboación”, destaca Gestal.

  “Primeiro baixou a incidencia, despois a presión hospitalaria e en terceiro lugar, a mortalidade”, enumera este facultativo e profesor de Saúde Pública na USC. A pandemia lanza uns datos de incidencias xa lonxe da fase aguda. As medidas de contención aplicáronse ata o inicio da sexta onda —novembro 2021— onde a altísima transmisibilidade e as medidas de vixilancia —seguimento de casos e control de contactos— foron inservibles para conter o elevado número de afectados. “O pico estivo en 8.000 casos e era inviable porque o 95% das infeccións causaron un malestar leve similar ao dunha gripe”, lembra Gestal. Sinala, entón, a unha nova “fase de mitigación” que sitúa na primavera do 2022 onde se pon o foco na protección das persoas máis vulnerables (+60 anos) e nos casos graves e ponse fin a illamentos e corentenas. Esta fase aínda tivo dous picos de mortalidade significativos no verán que xa se van afastando.

  Ten sentido manter o uso das máscaras en determinados espazos?, preguntámoslle. “En farmacias e ópticas, se un está san, xa pode estar de máis. No transporte público está a cuestionarse xa pero as autoridades sanitarias tenden a ser conservadoras e fan ben. Penso que se acabará retirando máis pronto que tarde pero creo que sería unha boa medida mantela de forma permanente en centros de saúde e hospitais para a protección de individual máis aló da covid”, conclúe.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados