E-distrito

Noticias

A Xunta poderá autorizar usos non previstos en espazos protexidos para facilitar estratexias de produción

A Xunta poderá autorizar usos non previstos en espazos protexidos para facilitar estratexias de produción

  O Goberno galego tamén autoriza nas zonas de maior valor ecolóxico da Rede Natura peches e valados opacos e mesmo de formigón se están “debidamente revestidos e pintados”

  25 outubro 2021

  Nos espazos naturais protexidos pódese facer o que o así se determinase cando se declararon como tales ou nos seus correspondentes instrumentos de planificación, cuxa tramitación e actualización a Xunta vén demorando. Pero agora o Goberno galego, grazas a unha modificación legal que tramitará xunto cos orzamentos, vai poder autorizar usos ou actividades aínda que non estivesen previstas neses documentos. Faino, di, “debido á evolución tecnolóxica ou á implantación de novas estratexias de produción que se pretenden desenvolver nun espazo natural protexido”, que non concreta. 

  Tamén permitirá que nas zonas de maior valor ecolóxico da Rede Natura poidan instalarse peches e valados opacos e mesmo de formigón se están “debidamente revestidos e pintados”, que xustifica “co fin de compatibilizar a protección da vida silvestre co desenvolvemento das actividades tradicionais no medio rural”.


  É na lei de acompañamento dos orzamentos para 2022 onde, entre as reformas dun total de 25 leis previas que tramitará cun debate máis acelerado e reducido que se mudase cada norma por separado, a Xunta introduce tamén reformas na Lei 5/2019 de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Con só dous anos de vida, a lei xa mudou dúas veces, e esta será a terceira.

  Agora engádese a posibilidade de que “no caso de que se pretenda desenvolver, no ámbito dun espazo natural protexido, usos ou actividades que non estean previstos no correspondente instrumento de planificación”, a Xunta determinará, previa solicitude da persoa interesada, se eses usos “resultan compatibles ou non compatibles cos obxectivos da declaración do espazo natural protexido”. Unha autorización que poderá outorgar sen ter que revisar o instrumento de planificación do espazo protexido.

  Por outra banda, a Xunta pasará a considerar uso ou actividade autorizable na zona I dunha zona especial de conservación ou dunha zona de especial protección para as aves da Rede Natura 2000”, as zonas de maior valor ecolóxico deses espazos, “a construción de muros de contención e peche ou valado de terreos”. Sobre eses peches a Xunta limítase a dicir que “serán preferentemente vexetais”, pero permitirá tamén os de madeira, estacas e arame e “material opaco de fábrica”, en cuxo caso poderán ser de ata 1,5 metros de altura en parcelas edificadas e dun metro no resto. A nova disposición mesmo permite “o emprego de bloques de formigón” se son “debidamente revestidos e pintados na forma que regulamentariamente se determine”. 

  A Xunta explica na exposición de motivos da nova norma que “suavízanse as esixencias do material empregado para estes peches, co fin de compatibilizar a protección da vida silvestre co desenvolvemento das actividades tradicionais no medio rural”. 

  Derivado de Praza.


Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados