E-distrito

Noticias

Es celíaco? Un test deseñado por galegos permitirá sabelo en tan só 20 minutos

Es celíaco? Un test deseñado por galegos permitirá sabelo en tan só 20 minutos

Un equipo de Santiago busca financiamento para desenvolver un prototipo para axilizar un diagnóstico que tarda entre 6 e 10 anos

  03 abril 2023

  Dor e distensión abdominal. Diarrea, estrinximento, náuseas… E unha longa nómina de síntomas, ás veces inespecíficos, que poden indicar que es celíaco. Ou non. Para saír de dúbidas, o máis probable é que o teu diagnóstico tarde, de media, entre 6 e 10 anos. E para sabelo, precisarás someterte a probas invasivas, como as biopsias. Porén, este escenario pode cambiar máis pronto ca tarde. Un equipo de tres investigadores galegos está a deseñar un test rápido que podería detectar a celiaquía en tan só 20 minutos. “De momento tan só temos unha idea pero se conseguimos financiamento, podería saír ao mercado entre 6 e 12 meses despois de facer un prototipo”, sinala Daniel Abella López, participante no proxecto e investigador asociado ao Centro de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC).

  Ademais, Abella López, xunto aos seus compañeiros Adrián López Teijeiro —tamén do CiQUS— e Alejandro Failde Fiestras, vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), acaban de ser galardoados no Encontro Internacional de mozas e mozos Emprendedores (EIJE 2023) que se celebrou na cidade portuguesa de Viseu. O proxecto NBusCeliac Rapid Test, ideado por este equipo de Santiago, acadou o primeiro posto neste encontro, grazas á súa proposta dunha proba diagnóstica rápida que detecte a celiaquía, unha enfermidade autoinmune provocada pola inxestión de glute.

  Como funcionaría?

  Os test de autodiagnóstico popularizouse coa chegada do coronavirus. A forma na que funcionan estas probas, segundo explica Abella, non difire en gran medida do seu test para detectar a celiaquía. “Deseñamos un de dobre banda, semellante aos que permiten diferenciar entre gripe A e covid”, explica. Continúa detallando que para o test de celiaquía se faría unha selección de anticorpos, dado que é unha enfermidade autoinmune, así como unha banda de biomarcadores que midan o dano intestinal, característico desta doenza. “Combinaríamolo cunha cuantificación de microfluídica para ver se hai realmente ese dano no intestino”, expón o investigador do CiQUS.

“O noso test tamén serviría para comprobar se o dano intestinal se reduce co tempo”

DANIEL ABELLA LÓPEZ, investigador do CiQUS

  O obxectivo deste test, segundo traslada Abella, é facilitar ao máximo posible a detección da celiaquía. Por unha banda, para evitar que os pacientes teñan que esperar tantos anos a ser diagnosticados. Por outra, para reducir custos no sistema sanitario, posto que se precisa anestesia e cirurxía para chegar a un resultado claro, xeralmente a través da biopsia. “Estas probas son caras e invasivas para o paciente”, insiste Abella. Ao tempo, o investigador engade outra importante funcionalidade do seu test: “Tamén podería servir para avaliar a evolución do paciente e comprobar se o dano intestinal se vai reducindo co tempo”.

  Pasos a seguir

  Malia que xa hai algúns test no mercado que permiten detectar a celiaquía dunha forma semellante á que propoñen os tres investigadores galegos, Abella asegura que son probas pouco fiables e cunha alta porcentaxe de falsos negativos. Algo que están a ter en conta na súa investigación e que prevén reducir. Sobre todo, para mellorar as taxas de diagnóstico da celiaquía. “Hai moitas persoas con esta doenza que non saben que son celíacas”, apunta. Segundo cita Abella, en España tan só se detectan ao ano o 30% dos casos. Tendo en conta, ademais, que a prevalencia desta enfermidade xa está no 1% nos países occidentais. “Está aumentando non porque mellorase o diagnóstico, senón por cuestións xenéticas e cambios nas dietas”, aduce o investigador do CiQUS.

“Aumentan os casos de celiaquía por cuestións xenéticas e cambios nas dietas”

DANIEL ABELLA LÓPEZ, investigador do CiQUS

  Para que o seu proxecto se faga realidade, precisan financiamento. Isto é no que Abella, López e Failde están centrados agora mesmo. “Estamos tratando de ver cal é a mellor vía: se contactar con empresas e vender a idea, montar nós unha pequena compañía pola nosa conta…”, explica o investigador. Pese ás dificultades, el lembra que o desenvolvemento deste tipo de probas diagnósticas non é complexo e que, unha vez que consigan o apoio, a súa saída ao mercado será rápida. “Non é o mesmo que desenvolver un fármaco, para o que se precisan modelos animais”, matiza. Polo tanto, o seguinte paso é o obter o diñeiro. E o último, e talvez o máis importante, que o test de celiaquía remate cos retrasos no diagnóstico dunha enfermidade que pode ser moi incapacitante.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados