Un paro que son moitos e unha sensación de excepcionalidade e bloqueo que vai a máis. O xermolo do actual paro -que non folga- no sector do transporte está na Plataforma para la Defensa del Sector de Transporte de Mercancías por Carretera Nacional e Internacional. Trátase dunha entidade con sede social nunha área de servizo do concello lucense de Baamonde existente dende hai máis dunha década, pero practicamente descoñecida para a opinión pública ata os últimos meses, cando comezou a advertir da súa intención de convocar un paro xa baixo unha denominación acurtada: Plataforma Nacional.

  A táboa reivindicativa desta organización combina esixencias máis ou menos xerais, como "prohibir por lei" que os "pequenos transportistas" poidan traballar a perdas, o "pago por lei" nun máximo de 30 días ou a xubilación aos 60 anos con outras, máis recentes, centradas nas protestas pola suba de prezos dos combustibles. Dende que comezou a ameazar cun paro indefinido, o Goberno de España veu advertindo do seu carácter minoritario e non representativo ao non ter asento no Comité Nacional de Transporte por Estrada, foro de interlocución das empresas do sector co Ministerio de Transporte

  Ao non ser parte dese Comité, a denominada Plataforma Nacional asegura non sentirse vinculada polos acordos acadados polo Goberno de España nese mesmo foro co sector o pasado decembro, cando as organizacións que si son consideradas representativas accederon a desconvocar o paro que ultimaban. Aquel pacto incluía diversas medidas, dende a prohibición de que condutores e condutoras tivesen que realizar a carga e descarga de mercadorías ata o mantemento das bonificacións ao gasóleo profesional ou o acondicionamento de novas áreas de servizo e descanso para transportistas profesionais.

  Co paso dos días, a mobilización reborda os marcos da plataforma convocante no contexto de alza xeral dos prezos e, ao tempo, o seu impacto multiplícase co bloqueo de diversos sectores económicos

  Con este pano de fondo, o pasado 14 de marzo comezaba o que esta plataforma convocou como "paro nacional", o Goberno de España sinalou a proximidade política dalgúns dos seus líderes coa extrema dereita. Sendo certo o apoio aberto de Vox ao paro nos seus primeiros momentos -e en Galicia, tamén de diversos cargos do PP-, non o é menos que co paso dos días a mobilización rebordou os marcos da propia plataforma.

  Así, comezou a virar nunha protesta máis ou menos xeral polas subas do combustible ou a carestía da vida, en ocasións combinada con esixencias de dimisión do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. Pero noutras ocasións, tamén apoiada por formacións da esquerda a título individual ou colectivo.

  Ao tempo, son diversos os sectores económicos que advirten dun bloqueo crecente: o peixe acumúlase nas lonxas e o leite reborda nunhas granxas xa abafadas economicamente e que agora ven como non lles dá chegado o penso para os animais. Ao tempo, nalgúns supermercados comezan a verse andeis baleiros con determinados produtos pola combinación dun subministro escaso e de acaparamentos de bens de primeira necesidade por parte dun sector da clientela.

  Mentres todo isto sucede, o Ministerio de Transportes reitera que continúa negociando coas organizacións ás que si considera representativas. Nesta liña, o pasado luns anunciaba unha inxección de 500 millóns de euros en axudas directas para os combustibles do sector do transporte e mentres, en Galicia, a delegación gobernamental aseguraba que redobrará os esforzos das escoltas policiais dos transportistas que non se adhiren ao paro e desexan seguir traballando. Ao non tratarse dunha folga, non existen os servizos mínimos. A mobilización tampouco se encadra nos supostos recollidos pola lei para os peches patronais.

  A patronal da hostalaría convoca a un "peche patronal voluntario" para o luns 28 e decide "apoiar as reivindicacións dos transportistas". Advirten que non subirán os soldos ao persoal.

  Ademais, o colectivo convoca a hostalería a un "peche patronal voluntario" para o vindeiro luns 28 "en sinal de protesta e solidariedade" pola situación que, din, están vivindo. Segundo aseguran nun comunicado, é "insostible" logo de dous anos de pandemia. "Cando parecía que volvíamos traballar con certa normalidade chéganos unha suba de prezos salvaxe na luz, no gas ou nas materias primas, ademais de desabastecementos", explica a entidade.

  A asociación de negocios hostaleiros recoñece que "o prezo da vida subiu para todos, empresarios e traballadores", pero advirte, ante a negociación do convenio colectivo na que están "inmersos", que é inviable subir os soldos do persoal. "A parte sindical pedirá subas de salarios que nesta tesitura non podemos asumir se a Administración non axuda as empresas", destaca.