E-distrito

Noticias

Feijóo fracasa na investidura tras solicitar o apoio de tránsfugas e advertir da "degradación moral" dos que non o apoian.

Feijóo fracasa na investidura tras solicitar o apoio de tránsfugas e advertir da "degradación moral" dos que non o apoian.

Sae reforzado entre a dereita e extrema dereita españolas pero queda máis illado respecto ao resto de forzas estatais (tanto a esquerda como a dereita).

  29 setembro 2023

  A maioría absoluta do Congreso volveu rexeitar este venres a candidatura de Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno de España. Fracasou de novo o líder do PP no seu intento de chegar á Moncloa, a encomenda que tiña marcada desde que dimitiu como presidente da Xunta hai xusto hoxe 17 meses. 

  Feijóo saíu máis reforzado entre a ala dura da dereita, pero máis illado entre o resto: "Votamos "non" con máis razóns que o mércores", dixo o PNV

  Na súa despedida do Executivo galego, aquel 29 de abril de 2022, Feijóo presumía do seu "galeguismo afastado de nacionalismos intransixentes e de centralismos doutros tempos". Neste venres, na terceira e definitiva sesión do seu debate de investidura, o aspirante do PP volveu saír derrotado, pero co beneplácito e apoio da ala dura do seu partido logo de afianzar a súa alianza coa extrema dereita e fortalecer, precisamente, o seu discurso máis duro e centralista. De cualificar os de Abascal como "a extrema dereita de verdade" desde Galicia a rebautizalos como "formación unitaria" e parte dun "proxecto alternativo" o pasado mércores. 

  Neste venres, Feijóo apañou 177 votos en contra e atraeu para a súa investidura os mesmos que se prevían desde o pasado 23X : 172. Houbo un voto nulo, o do deptuado de Junts, Eduard Pujol, que votou si e logo dixo non

  Sumou Feijóo aos apoios do seu partido dous por parte de UPN e Coalición Canaria mais os 33 de Vox, claves nas súas expectativas e claves na explicación do seu frustrado viaxe á Moncloa. Pero quedou aínda máis lonxe de futuros e hipotéticos socios como o PNV, que dixo votar contra o líder do PP "con máis razóns que o mércores". "Xa o imos coñecendo (...) Non quere tender pontes con ninguén", espetoulle o portavoz vasco, Aitor Esteban. 

  "Só quedan dúas saídas que non serán honrosas: a primeira, o goberno da mentira; a segunda, repetición electoral", advertiu Feijóo, que volveu presumir de "non renunciar" nin aos seus "principios nin compromisos" e insistir no relato de que non é presidente porque non acepta as peticións do independentismo, obviando que calquera acordo cun partido nacionalista faríalle perder o apoio imprescindible de Vox. 

  Perdeu Feijóo a partida pero gañou tempo e apoio interno no PP e ante a presión da dereita mediática máis dura, satisfeita agora, e polo momento, co discurso dun líder que certificou desta vez ás posturas máis extremas, como outras veces quixo lucir o traxe de moderado, autonomista ou mesmo galegofalante.

  Quitouno de vez cando amosou sintonía, tamén este venres, con Vox e cando cargou con dureza contra o PSOE e  Pedro Sánchez, a quen a derrota de Feijóo abre agora o seu tempo: dous meses para buscar os apoios que non conseguiu o líder do PP, que advertiu dun "goberno da mentira e do engano" e que volveu reclamar o transfuguismo dentro dos socialistas renegando do transfuguismo. 

  "Pídolles que non sexan tránsfugas dos seus votantes, dos seus principios nin da Transición española. Non o sexan, non paga a pena selo", dixo aos deputados socialistas, aos que ofreceu "a posibilidade de absterse". "Non imos admitir o cinismo de que nos pidan logo a nós o que vostedes se negan a facer co partido máis votado", asegurou Feijóo, que avisou da "degradación moral e política" dun hipotético executivo liderado por Sánchez. Mesmo reclamou eleccións para evitar a "amnistía" e o "referendo": "Se queren facelo, lógreno nas urnas, con transparencia e tranquilidade". Logo, a portavoz do PP chegou a cualificar de "virus" o "sanchismo". 

  O líder do PP agradeceu o "apoio xeneroso, responsable e sen condicións" de UPN, CC e tamén de Vox. O seu líder, Santiago Abascal, que definiu a Sánchez como "o presidente máis corrupto da historia de España" por "amnistiar outro político a cambio dos seus votos para manterse no poder" e ao que acusou de "preferir os votos dos criminais" aos do seu partido. "Vostede, Feijóo, non é como el, por iso o apoiamos. Ten límites e agradézollo", gabou o portavoz da extrema dereita. 

  Desde o PSOE, Óscar Puente acusou a Feijóo de "non respectar as institucións" e de "utilizar a Coroa para coroarse líder do seu partido, para reforzarse entre os seus" e advertiu dun "simulacro de investidura" do que o ex-presidente da Xunta "vai saír convertido en líder da oposición". 

  Marta Lois, portavoz de Sumar, pediu a Feijóo que "quede" coa súa "soberbia, rabia e superioridade moral" e acusouno de "desprezar a case a totalidade das forzas políticas" nunha "farsa". "Baseou todo nunha gran mentira: que vostede non vai ser presidente polos seus principios, pero non o é porque non ten os votos, porque os que precisa son incompatibles entre si e o seu socio preferente é Vox", engadiu quen pediu ao líder do PP que "admita a derrota" e o feito de que non será presidente "por estar atado de pés e mans a Vox", con quen "comparte moitos postulados". "Non é un home de Estado, é o perdedor das eleccións e un bo mentireiro", insistiu. 

  Pero aínda foi máis duro Aitor Esteban, portavoz do PNV, que recriminou a Feijóo que faga pensar "que os demais" non teñen "principios". "Témolos e un deles é non facer política coa ultradereita, o seu principal e case único compañeiro de viaxe", lembrou sobre unha formación que "quere acabar coas autonomías, nega a violencia machista ou quere ilegalizar partidos" como o seu. "Se non negociamos con vostede é porque temos principios. 

  Néstor Rego sinalou que a investidura foi un "fracaso" de Feijóo "para todo o mundo menos para a súa prensa amiga"

  "Xa o imos coñecendo", espetoulle Esteban a Feijóo: "Xenérico e contraditorio no económico e decepcionante no territorial" e cun "discurso agresivo, arrogante mesmo, no que confunde sorna con provocación". "Feijóo non é quen di ser", engadiu, tras advertir do "abismo moi profundo" que separa o PNV do líder do PP. "Votamos que non con máis razóns que o mércores", insistiu. 

  Néstor Rego, portavoz do BNG, reiterou tamén o "fracaso" de Feijóo. "Para todo o mundo menos para a súa prensa amiga", dixo quen cre que o debate de investidura só foi un intento do líder do PP por obter o apoio interno e librarse do "fogo amigo que comezará hoxe mesmo". "Parece sentir saudade da súa época na Xunta, onde os medios non lle facían preguntas incómodas", dixo, para lembrar logo o 280º venres negro contra a manipulación na CRTVG. 

  Goberno progresista ou novas eleccións

  O debate de investidura, advirten xa PSOE e Sumar nunha información de infoLibre, presaxia unha lexislatura con récord de crispación por parte da dereita e dun PP liderado por Feijóo que, no seu breve tempo na oposición en Galicia, teceu unha precampaña e unha campaña autonómica que aínda é denunciada, mesmo con voces no seu propio partido, como excesivamente dura e con varias liñas vermellas cruzadas. 

  Sempre que esa lexislatura bote a andar, unha hipótese nada asegurada vista a presión cun referendo que exercen Junts e ERC mentres avanzan na súa disputa por liderar o independentismo en Catalunya. Aí ten tamén unha esperanza Feijóo, que soña cunha repetición electoral que lle permita outra oportunidade. De cara á presidencia, pero tamén para afastar o ruído que poida xurdir no seu propio bando.  

  Asume o risco Feijóo de manterse amarrado a Vox como única alternativa para alcanzar o poder. Ninguén, agás UPN, garante o seu apoio ao PP mentres a ultradereita siga sendo ou compañeiro de viaxe. E parece que o vai seguir sendo. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados