O Goberno atribúe a orixe do cero eléctrico do pasado 28 de abril a que o sistema eléctrico español era especialmente vulnerable debido á programación que fixo Red Eléctrica, avalada polos cálculos dos seus enxeñeiros. Ao mesmo tempo, as compañías enerxéticas tamén incumpriron coa súa obriga de regular a tensión da rede, de maneira que despois de mes e medio de investigación non hai un responsable claro do suceso.
A ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, presentou este martes o primeiro informe oficial desde o cero eléctrico ocorrido hai sete semanas, e subliñou que a súa intención non é buscar culpables, senón identificar as causas e buscar solucións para que non volva ocorrer. Fontes do ministerio trasladaron que as posibles sancións administrativas ou penais, se chegan, será das investigacións que realizan pola súa conta a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Audiencia Nacional. Está por ver se as conclusións coñecidas este martes serán suficientes para reclamar as perdas económicas millonarias desa xornada.