E-distrito

Noticias

Bandeiras palestinas e detencións reciben en Monforte unha "Vuelta" convertida en protesta contra Israel

Bandeiras palestinas e detencións reciben en Monforte unha "Vuelta" convertida en protesta contra Israel

  Os incidentes entre activistas e Policía levaron á detención de cando menos oito persoas, entre elas Rosana Prieto, concelleira do BNG en Pantón. 

  09 setembro 2025

  Este domingo a Vuelta a España chegou a territorio galego. Fíxoo cunha etapa que con saída en Vegadeo (Asturias) pasou pola Fonsagrada e Sarria para rematar en Monforte. Durante todo o percorrido foi constante a presenza de bandeiras palestinas, especialmente en Sarria -onde estaba instalado un sprint intermedio- e na vila monfortina, onde a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina establecera a derradeira curva da etapa como espazo de protesta.

  A masiva presenza de persoas con bandeiras palestinas nese lugar levou á organización da Vuelta a colocar unha segunda fileira de valos para evitar que os manifestantes penetrasen no percorrido fixado para os ciclistas, como xa sucedera días atrás en Bilbao. Os incidentes entre activistas e Policía, con varias cargas, levaron á detención de dez persoas, 8 en Monforte e 2 no Corgo, ao paso da carreira. Entre as detidas está Rosana Prieto, concelleira do BNG en Pantón e responsable comarcal de Lugo Sur.

  Ademais, noutro punto da carreira, a 55 quilómetros da meta, a acción dun manifestante e dun policía que tentaba interceptalo a poucos metros dos ciclistas provocou a caída dun deles, Javier Romo (Movistar), que aínda que sufriu algunhas feridas e abrasións, puido continuar en carreira. Unha acción que foi aproveitada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, para responsabilizar o BNG do sucedido, en referencia ao apoio dos nacionalistas ás protestas.

  Tamén a través das redes sociais, a voceira do BNG, Ana Pontón, manifestou estar "orgullosa dun pobo que denuncia o xenocidio de Palestina" e subliñou o seu "apoio ás persoas que protestan ante a presenza do equipo de Israel na Volta". "Non deterán nunca a nosa solidariedade, a defensa dos dereitos humanos. Palestina vencerá!", engadiu. E, en referencia á detención de Rosana Prieto, indicou que "é indignante que se deteña a quen ergue a voz contra a barbarie, todo o apoio ás persoas detidas", ao tempo que esixiu "explicacións".

  A través dun comunicado, o BNG denuncia "a detención de persoas que estaba a protestar pacificamente en apoio a Palestina, unha delas dirixente do BNG; identificacións previas por portar bandeiras palestinas e galegas e mesmo cargar policiais sen ameaza á seguranza pública". Así mesmo, reclama "a inmediata posta en liberdade das persoas detidas" e demanda "unha investigación e a depuración de responsabilidades na cadea de mando ante a vulneración dos dereitos fundamentais de manifestación e expresión".

  No plano estritamente deportivo, a vitoria foi para o dinamarqués Mads Pedersen, que encabezou un grupo de fugados -ata 50 homes chegou a haber na escapada- con 13 minutos e 31 segundos de vantaxe sobre o pelotón. Foi a primeira das tres etapas que ata o mércores percorrerán o territorio galego. Despois dun día de descanso, este luns, os corredores seguirán en Galicia para unha dura etapa entre Poio e o alto do Castro de Herville (Mos). A Vuelta despedirase de Galicia o mércores saíndo do Barco de Valdeorras para percorrer o Bierzo ata o alto do Morredero.

  Unha Vuelta convertida nunha protesta permanente contra Israel

  Pero é certo que nesta edición da volta ciclista a España estase a falar de máis temás ademais da pelexa entre Vingegaard e Almeida polo triunfo final, do comportamento de Ayuso e outros asuntos estritamente deportivos. A participación do equipo Israel-Premier Tech, no contexto do xenocidio que o exército israelí está a levar a cabo en Gaza, está a motivar numerosas protestas en todas as etapas dende que o pelotón ingresou no Estado español dende Italia e Francia. 

  Na etapa con saída e final en Bilbao, o carácter masivo das protestas forzaron a suspensión da etapa no seu último treito, tomando os tempos para os corredores a tres quilómetros da meta. Tamén na contrarreloxo por equipos de Figueres os manifestantes detiveron o paso do equipo israelí e, igualmente, na tirada con final no Angliru un grupo de activistas -detidos e xa postos en liberdade- bloqueou durante medio minuto o paso da carreira. Noutras etapas houbo tamén concentracións simbólicas bloqueando durante uns insantes a saída neutralizada da carreira.

   Búscase "denunciar o uso do deporte como ferramenta de sportwashing por parte de Israel", sinalando que "así como se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe é a quenda de Israel"

   Tamén en Galicia distintas organizacións sociais levan días preparando protestas contra o equipo Israel e o xenocidio en Gaza. As mobilizacións están lideradas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, que anima á cidadanía a "denunciar o uso do deporte como ferramenta de sportwashing por parte de Israel", sinalando que "así como se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe é a quenda de Israel". A asociación fai "un chamamento en Galiza a portar bandeiras palestinas e mensaxes de denuncia do xenocidio durante o percorrido da Vuelta, visibilizando así a solidariedade co pobo palestino".

   A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina publicou unha listaxe de convocatorias na Fonsagrada, Sarria e Monforte este domingo; en Poio, Pontevedra, Soutomaior, Alto da Groba, Tui e Mos o martes; e O Barco, o mércores, para visibilizar o rexeitamento á presenza na Vuelta do equipo pro-israelí.

  Este sábado o BNG reclamou publicamente a retirada do equipo israelí e esixiu que a Xunta non participe nos actos das etapas que se celebran en Galicia entre este domingo e o mércores. “O Goberno galego non pode branquear a un Estado xenocida, nin contribuír a proxectar unha imaxe de normalidade cando se están cometendo atrocidades contra o pobo palestino”, afirmou a deputada Olalla Rodil, que chamou á sociedade galega a mobilizarse e a amosar o apoio do pobo galego ao pobo palestino.

  Rodil sinalou que a Xunta debe renunciar a participar a través de calquera das súas consellerías nos actos institucionais ligados á Vuelta, pois “non se pode manter unha actitude impasible porque o silencio fai cómplices”. Isto é o decidiu este venres o Goberno asturiano, que instou ao equipo Israel a abandonar a competición, indicando que "non podemos permanecer impasibles ante o masacre de Gaza". Ademais, nin o presidente da comunidade, Adrián Barbón, nin ningún outro representante do Goberno están a participar nos actos protocolarios e institucionais con motivo das tres etapas celebradas no Principado.

  Vitoria de Palestina

  A presenza constante de bandeiras palestinas están a converterse no símbolo desta edición da Vuelta a España, na que xa se pode dicir que a denuncia do xenocidio que sofre Gaza é a gran gañadora, aínda que se trate unicamente dunha vitoria simbólica. Despois de máis de 62.000 persoas asasinadas polo exército israelí na franxa, as protestas das últimas dúas semanas foron quen de situar o tema na axenda dos medios en España e noutros países e colocaron o foco no equipo pro-israelí, propiedade Sylvan Adams, un empresario canadiano de ideoloxía sionista que vén recoñecendo empregar o ciclismo como unha estratexia de sportwashing, é dicir, de lavado de imaxe do réxime de Netanyahu a través do deporte.

  Tamén se puxo de relevo a hipocrisía das institucións deportivas internacionais, que xusto despois do inicio da guerra entre Rusia e Ucraína en 2022 forzaron a exclusión de Rusia das competicións e tamén dos equipos privados deste país, como Gazprom; dende entón, os corredores rusos, como Alexander Vlasov, corren sen bandeira.

  Cómpre lembrar que a Vuelta está obrigada a aceptar a participación desta estrutura, que pola puntuación acadada na pasada tempada, gañou o dereito a participar nas grandes voltas por etapas, como Giro, Tour e Vuelta. A decisión para a súa expulsión dependería da Unión Ciclista Internacional ou mesmo do Comité Olímpico Internacional, que polo de agora seguen admitindo as federacións e equipos israelíes a pesar do xenocidio en marcha.

  A intensificación das protestas levou á dirección da Vuelta a España a pedir publicamente ao equipo israelí a súa retirada da carreira para garantir o seu desenvolvemento sen incidentes. Corredores e técnicos de varios equipos tamén están a presionar, en público e en privado, para que o equipo israelí abandone a proba. 

  A propia escadra decidiu este sábado modificar o maillot que visten os seus corredores para que non se lea nel a palabra Israel, na procura de "seguridade" para os seus ciclistas "e do conxunto do pelotón". E rumores apuntan a que o Israel-Premier Tech podería pasar a denominarse unicamente Premier-Tech na vindeira tempada para aplacar as protestas na súa contra ou as dificultades que está a atopar para fichar algúns corredores ou manter os contratos que xa ten.

  Convocatorias galegas de protesta contra o equipo Israel

Domingo 7

  • A Fonsagrada. Alameda. 14:40
  • Sarria. Saída Oural (sprint intermedio antes da gasolineira). 16.15
  • Monforte. Cruce das rúas Celso Emilio Ferreiro e Francisco Moure, poucos metros antes da meta. 16.30

Martes 9

  • Poio. Rotonda Ponte da Barca. 12.15
  • Pontevedra. Rotonda Manuel de Palacio - Paseo de Marín. 12.15
  • Soutomaior. Cruce de Pierres (Arcade). 13.00
  • Baiona. Alto da Groba. 13.30
  • Tui. Rotonda rúa Ourense / rúa Colón. 14.15
  • Mos. Punto de encontro: aparcadoiro Parque Forestal de Zamáns. 15.30

Mércores 10

O Barco de Valdeorras. Diante do Hospital Comarcal. 13.00

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

MUSEO DOMUS
Parking Mallos

Relacionados