2024 volveu ser un excelente ano para o sector turístico en Galicia, que bateu récords históricos de visitantes e ocupación en practicamente todos os indicadores. Este luns o INE deu a coñecer os datos anuais de movementos turísticos en fronteiras e de gasto turístico, que confirman a tendencia de crecemento xa apuntada por outras estatísticas.
Durante o pasado ano Galicia recibiu 1,84 millóns de viaxeiros procedentes do estranxeiro, un 14% máis que no 2023, que estivera xa a piques de bater o máximo histórico de 2019 (1,62 millóns), agora claramente superado.
Tamén se disparou o gasto total destes visitantes, que deixaron no sector turístico galego 2.676 millóns de euros, un 29% máis que no ano 2023, que xa supuxera un máximo histórico.