A prohibición a novas plantacións conclúe a finais de ano, pero os últimos datos oficiais revelan que a superficie aumentou no primeiro tramo do veto iniciado en 2021
02 xuño 2025
A moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia camiña cara a súa fin. Os catro anos de veto impostos pola Xunta finalizan en decembro deste 2025. Nun escenario de incerteza, o presidente de Xunta, Alfonso Rueda, xoga ca posibilidade de levantar o veto baixo o argumento de que é “o sustento” de “moitas familias”. Pero fóra dos motivos economicistas, os expertos non atopan razóns para permitir que aumente a superficie ocupada por unha especie probadamente pirófita e que exerce de factor de perda de biodiversidade.
Así o subliña Eduardo Corbelle, que expón eses dous motivos como os principais para manter unha moratoria que, na espera entre o seu anuncio e a entrada en vigor, xerou un efecto chamada que disparou a demanda de eucaliptos nos viveiros. Catro anos despois, o enxeñeiro de montes advirte do risco que suporía aumentar a superficie arborada en Galicia nun contexto de cambio na tipoloxía dos incendios forestais, cada vez máis virulentos e difíciles de controlar.
Cos últimos datos dispoñibles, á espera da actualización do Inventario Forestal Continuo de Galicia, a superficie ocupada polo eucalipto aumentou nos primeiros anos da moratoria, en vigor desde 2021. A finais de 2023, abarcaba 419.051 hectáreas, un 1,4% máis que un ano antes ao espallarse por outras 6.000 hectáreas. Unha suba que cuestiona o obxectivo fixado por San Caetano no Plan Forestal de Galicia, que aspira a reducir a presenza de eucalipto en 20.000 hectáreas entre 2021 y 2040.
“Todo parece indicar que a tendencia que vai seguir Galicia durante a primeira metade do século XXI é o incremento da superficie arborada. En parte porque hai partes do territorio que deixamos de utilizar como resultado dun proceso natural; e no caso da metade occidental porque séguese a plantar superficies que as explotacións agrarias deixan liberadas cando rematan a súa actividade”, explica o profesor da Universidade de Santiago.
Galicia sufriu unha gran transformación do seu territorio desde principios do século XX até a actualidade, acelerado a partir da década de 1960. O paulatino abandono da actividade agraria unida ao desenvolvemento da industria propulsada desde a administración levou ao incremento da superficie dedicada a usos de aproveitamento forestal do monte. Así, nos anos 1930 comezouse a plantar pinos no monte galego que logo servirían para abastecer a industria pasteira que chegaría décadas máis tarde.
Para o profesor Corbelle, a ausencia de planificación desde o punto de vista de ordenamento do territorio levou a Galicia a ter unha configuración de grandes extensións de masas arboradas que se espallan sen interrupción pola xeografía. Unha continuidade que favorece a propagación dos incendios forestais ao non existir cortalumes naturais que axuden a frealos.
“Non é só un problema de canta superficie arborada temos, senón de onde está e que tipo de continuidade ten. Temos a necesidade de romper a continuidade das masas forestais porque en caso de incendio, deseguida acadan dimensións pantagruélicas. Se non hai unha ordenación do territorio, estamos condenados a sufrir episodios de grandes incendios cada vez que coincidan períodos de seca extrema con moita calor. E iso vai ser cada vez máis frecuente”, remarca o enxeñeiro de montes.
Perda de biodiversidade
Fóra da homoxeneización da paisaxe e o problema que supón o eucalipto para frear a problemática dos incendios forestais, ducias de estudos científicos poñen de manifesto que esta especie exótica, considerada un “alieníxena” para a flora galega, exerce de factor de perda de biodiversidade.
Por exemplo, un estudo publicado recentemente por investigadores da Universidade de Vigo apunta ao eucalipto como unha ameaza para as especies endémicas ao provocar cambios nos ecosistemas que dificultan a adaptación ao medio. Outro traballo, neste caso desenvolto por un equipo da USC, sinala que estas masas reducen á metade a presenza de aves en comparación cas autóctonas porque a árbore de eucalipto non serve de refuxio nin ofrece o alimento necesario.
Son dúas mostras deste “empobrecemento” da vexetación e da poboación animal de Galicia no que tamén fai fincapé o profesor Corbelle, que tamén indica o alto consumo de auga e a “degradación evidente” que causan nos chans os eucaliptais.
E agora, Altri
O suspense sobre a moratoria do eucalipto mantense en pleno debate social e político sobre a planta de Altri, a celulosa que a multinacional portuguesa pretende poñer en marcha en Palas de Rei e que xa ten o visto e prace medioambiental da Xunta.
Para Corbelle, a relación entre o eucalipto e a factoría de Altri en Galicia é aínda unha zona de grises. O encargado de analizar o proxecto para o informe emitido polo Consello da Cultura Galega (CCG) di que non foi capaz aínda de comprobar que Galicia teña, na actualidade, a madeira suficiente para abastecer as necesidades da factoría.
“Non temos datos que permita dicir que temos stock suficiente de madeira para abastecer unha industria dese tamaño. Polo tanto, necesitaría tirar da importación de madeira de América do Sur ata que a área creza o suficiente para cumprir cas necesidades de abastecemento”, apunta Corbelle.
Volver atrás?
Máis alá de frear a expansión do eucalipto, a pregunta está en se, a estas alturas, é posible unha volta atrás, desandar o andado e converter esas masas ocupadas por esta especie para dedicalas a outros usos ou replantalas con especies autóctonas.
A Lei galega de recuperación agraria contempla a creación dos catálogos de uso agroforestal de Galicia, unha ferramenta de ordenación do territorio para identificar e clasificar as áreas segundo o seu emprego final (agropecuario, forestal, zona de conservación, etc).
Pero catro anos despois (a lei é do mesmo ano que a moratoria do eucalipto), este instrumento aínda está pendente de desenvolver. Segundo Eduardo Corbelle, é fundamental contar cunha ferramenta deste tipo que permita ollar “o conxunto do país” para tomar decisións ollando a foto completa da realidade galega.
“Calquera outra medida estará sempre condenada se non hai unha visión global”, subliña o enxeñeiro agrónomo, que apunta que a forma atomizada de revisar caso por caso as solicitudes de cambio de uso nunha parcela tense amosado unha forma ineficaz e caótica de xestionar o territorio. “A experiencia demostra que non é nada razoable”, conclúe.
Derivado de GCiencia