"Está máis desconectado da realidade que Altri da liña eléctrica", espetoulle José Ramón Gómez Besteiro a Alfonso Rueda durante o pleno desta pasada semana no Parlamento. Un día antes, o líder do PSdeG anunciara que a nova planificación estatal das redes eléctricas ata 2030 deixaba fóra a subestación solicitada pola multinacional portuguesa para o seu proxecto en Palas de Rei. Unha decisión que logo lle confirmou o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
O Estado deixou fóra a compañía portuguesa do plan eléctrico por non ser a súa factoría en Palas un proxecto asentado, nin estratéxico nin co futuro asegurado fronte a outros xa clave
Esta subestación e o posterior permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión de 220 kW que facilitaría o Estado cos reforzos do sistema eléctrico era unha das condicións que Altri poñía para levar a cabo o seu investimento. Arredor de 1.000 millóns de euros para a contestada fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa soluble de eucalipto que pretende na Ulloa. A outra era a obtención duns 250 millóns de euros a través de axudas públicas: co PERTE de descarbonización industrial vinculado aos fondos europeos e con achegas directas das administracións. Nada do agardado ten, e tanto a Xunta —activa defensora das intencións da empresa a quen deu luz verde ambiental— como a propia multinacional van admitindo xa que o proxecto non ten futuro en Galicia. Polo menos a curto prazo.