A Coruña e Arteixo teñen catro das seis factorías que máis emisións sumaron en 2024, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica
21 abril 2025
O peche definitivo da central térmica das Pontes no outono de 2023 mudou o mapa das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Co adeus á queima de carbón, a expulsión de gases á atmosfera concéntrase agora na área da cidade da Coruña. Tanto é así que a metade das toneladas emitidas en 2024 procederon de factorías situadas na cidade herculina ou no veciño municipio de Arteixo.
Estes dous concellos concentran 7 das 33 factorías que están obrigadas a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera en cumprimento do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). E, dentro destas, catro están entre as seis que máis contaminan de Galicia, ca refinaría de Repsol á cabeza cun 29% das emisións totais rexistradas o ano pasado.
Así consta no balanzo que realiza o Observatorio Galego da Acción Climática de Galicia (Ogacli), que, con datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, reflicte unha caída do 24% nas emisións de gases de efecto invernadoiro que realizan as grandes industrias galegas. En 2024 estas factorías botaron ao aire 3,5 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde 2005, ano no que entrou en funcionamento o comercio europeo de emisións.
Delas, o 50% do total procederon da Coruña e Arteixo. As sete factorías da área coruñesa suman 1,74 millóns de toneladas de gases, fundamentalmente polas que emite a planta de Repsol, que o pasado ano acadou 1.009.602 toneladas, o que supón un incremento do 24% nos últimos catro anos. De feito, o refino de petróleo supero en 2024, por primeira vez, ás emisións provocadas polas centrais térmicas ao supor o 55% do total.
O contexto galego nas emisións de gases na industria débese aos cambios estruturais na produción eléctrica co peche definitivo da máis grande central térmica de Galicia, a das Pontes. Como destaca Ogacli no seu informe, este factor súmase a outros de carácter conxuntural, como o cesamento temporal de actividade en Alcoa San Cibrao e a baixada no funcionamento das centrais de ciclo combinado alimentada con gas fósil.
Estas cuestións fan que o descenso das emisións globais leve aparellado unha concentración das mesmas na cidade da Coruña e arredores. Ao crecemento na refinaría tamén se engade o rexistrado nos gases procedentes na produción de aceiro e ferroaliaxe, que medran un 74,2% impulsadas pola actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo).
A Coruña e Arteixo
Das 33 factorías galegas obrigadas a pagar polas súas emisións, sete están na Coruña ou en Arteixo. Trátase da refinaría de Repsol, a central térmica de ciclo combinado de Naturgy no polígono de Sabón, a planta da multinacional gaseira Air Liquide en Meicende, a planta de Ferroglobe (tamén no parque industrial de Sabón), a de Resonac Graphite na Agrela, a de Sarval Bioindustries e a factoría da cervexeira Estrella Galicia.
Entre todas elas suman a metade das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Malia todo, o reparto é desigual. O 29% do global galego ven só do que emite a refinaría, seguida da central de ciclo combinado das Pontes co 16,6% e a planta de Alúmina de Alcoa. En cuarto lugar aparece a central de Naturgy en Sabón cun 9,2%, xusto diante doutras dúas factorías da área coruñesa: Air Liquide (5,7%) e Ferroglobe Arteixo (4,2%).
Deste xeito, catro das seis empresas que máis contaminaron o aire de Galicia concéntrase nun radio de poucos quilómetros en torno á cidade de María Pita. O peso das emisións da Coruña tamén ten reflexo a nivel provincial: un terzo das que pagan por emisións están nela.
A Coruña, a provincia con máis emisións
Alén dos concellos de Arteixo e A Coruña, a provincia da Coruña acumula a meirande parte de factorías responsábeis dos gases de efecto invernadoiro. A segunda por volume global é a central de ciclo combinado das Pontes, que expulsou 578.671 toneladas en 2024. O complexo pontino alcanzara as 1,2 millóns de toneladas en 2022, logo de aprazarse o seu peche definitivo.
Nos dez primeiros postos de industrias máis contaminantes tamén está, en sétimo lugar, a planta de Bioetanol de Galicia. Ubicada no complexo de Teixeiro do concello de Curtis, chegou ás 147.169 toneladas o pasado ano. En noveno lugar atópase a química de Forestal del Atlántico en Mugardos (93.371) pecha a clasificación dos dez primeiros a factoría de taboleiros de Intasa en San Sadurniño (65.600).
Tras elas sitúase a pasteira de Ence na ría de Pontevedra, a primeira da provincia pontevedresa con 93.371. De feito, Pontevedra só ten dúas fábricas na lista de 33. Ademais de Ence, tamén figura a fábrica de Foresa, en Caldas de Reis (6.558).
En Lugo, máis aló do centro de San Cibrao, destaca a fábrica de cementos Magnesitas de Rubián, que expulsou 97.860 toneladas o pasado ano. Pola parte de Ourense, só figura na lista Órember, do grupo madeireiro Finsa, unha firma que paga polo que expulsa nos seus centros en Santiago, Padrón, Rábade e no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Todos eles suman 50.000 toneladas en 2024.
Derivado de GCiencia