E-distrito

Noticias

Galicia triplica a taxa de enfermidades profesionais por inhalación de substancias

Galicia triplica a taxa de enfermidades profesionais por inhalación de substancias

  Os casos de silicose son un dos problemas asociados á industria extractiva e dos maiores que afronta a comunidade nos últimos anos

  26 maio 2025

  191 casos de inhalación por substancias. En total, unha taxa que triplica á española e un aumento do 12,35% destes episodios no último ano. Son os datos dos informes publicados polo Observatorio de Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (CEPROSS) e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA). A evolución dos últimos anos foi ascendente.

  A inmensa maioría dos doentes concéntrase no sector da industria e na construción. Ademais, un 72,8% destas foron sen baixa médica, un 8,1% máis ca o ano anterior. Estas enfermidades provocadas polo traballo rexistráronse na súa maioría en Pontevedra e en Ourense, lugares cunha maior capacidade produtiva extractiva.

  O informe do CEPROSS destaca a Galicia e Estremadura como as comunidades autónomas cunha grande incidencia de enfermidades profesionais relacionadas coas industrias extractivas. Estas manteñen un índice de 368,2 de enfermos por cada 100.000 traballadores. A taxa é 3,8 máis que a media con outros sectores. Só se atopa cerca o ámbito manufactureiro, non tan importante na comunidade. No caso dos galegos, sitúanse nos 2.447,3 doentes por cada 100.000 traballadores. Isto é seis veces máis que a media nacional.

  Posturas forzadas e movementos repetitivos

  En Galicia, 663 persoas resultaron enfermas por actividades relacionadas coa industria e é o ámbito que máis rexistra. Só está preto o sector servizos, con 638 casos notificados, a maioría deles na Coruña e en Pontevedra.

  Os axentes químicos son outra das causas nas que Galicia destaca, aínda que a cifra é moito menor. A comunidade atópase no sexto posto da clasificación cun índice superior á media, acumulando un total de 65 episodios e un aumento do 93,8% no último ano das baixas detectadas. Como son datos máis pequenos, están máis suxeitos a cambios segundo o ano, pero actualmente atópase na parte alta da táboa.

  En total, Galicia rexistrou 1.470 casos, a maioría deles vinculados a axentes físicos. De feito, estas supoñen o 74,8% das incidencias, segundo o ISSGA. Unha gran parte delas ten a súa orixe en posturas forzadas ou movementos repetitivos no traballo. Esto dá lugar a enfermidades por fatiga ou inflamación das vainas tendinosas, segundo indican os datos nacionais do CEPROSS. Outra das máis recorrentes son as provocadas pola parálise dos nervios a causa de presións nesa zona.

  As principais causas da inhalación de substancias

  O informe de CEPROSS tamén fala da orixe destes problemas a nivel nacional. No caso da inhalación de substancias, destaca que as partículas da sílice poden provocar diversas enfermidades. Unha das cales é a silicose, unha enfermidade que está a ter un gromo importante nos últimos anos e que Galicia lidera cun 28,1% dos casos de todo o país.

  A comunidade galega rexistra, desde o ano 1990 un total de 1.901 casos de silicose, unha enfermidade mortal e que non ten tratamento. A po de sílice é o axente causante de máis da metade das incidencias en toda España, segundo o libro publicado polo Ministerio de Sanidade.

  Outras das substancias que provocan esas doenzas por inhalación son as relacionadas coa orixe vexetal, animal e outros microorganismos. Tamén as provocan o traballo coas madeiras, metais, produtos farmacéuticos ou substancias químicas.

  Os galegos, os que máis tempo necesitamos para curar

  Estes procesos provocan que, de media, se precisen 166 días para estar curados. Esta cifra é moito maior que o valor medio en España, situado nos 138 días. Ademais, é moi superior no caso das mulleres galegas, nas que a duración acada case os 6 meses con 178 días de media.

  Que estes procesos sexan máis longos está vencellado ás comunidades con poboacións máis avellentadas. As persoas de menos de 30 anos teñen un proceso que non alcanza os 100 días, mentres que aqueles con máis de 55 anos superan os 160 días.

  Tamén hai algúns sectores nas que estes procesos teñen maior duración. Entre estes, destacan os traballadores forestais, da pesca ou da caza. Tamén os recepcionistas, telefonistas ou outros que implican ese tipo de atención ao público e aos profesionais da información, como os xornalistas.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados