E-distrito

Noticias

O PP veta definitivamente a Comisión de investigación da vaga de incendios

O PP veta definitivamente a Comisión de investigación da vaga de incendios

  Solicitada polo BNG e apoiada polo PSdeG e DO, foi rexeitada polos populares, que a descualifican como "linchamento" político

  24 setembro 2025

  O PP fixo valer este 23 de setembro a súa maioría absoluta para ratificar o veto bosquexado dende o pasado agosto a abrir unha comisión de investigación sobre a vaga de incendios na que arderon máis de 100.000 hectáreas --unhas 120.000 segundo as estimacións provisionais da Xunta para unhas 145.000 no que vai de ano, segundo as medicións dos satélites do programa europeo Copernicus-.

  A solicitude do BNG -único grupo da oposición con deputados dabondo para formulala- recibiu os votos a prol do PSdeG e mais do deputado de Democracia Ourensana. Pero decaeu pola negativa duns populares cuxo voceiro, Alberto Pazos, descualificou a petición como intento de "linchamento", "polarización", "xuízo político" ou "xeito noxento de entender a política" por parte do Bloque, ao que reprocha que non reclame unha investigación política sobre asuntos que atinxen ao PSOE nas Cortes Xerais.

  "O que vemos é como ao PP lle importa un bledo que arda este país", lamentou Ana Pontón tras constatar que Pazos respondía á súa petición falando "de todo menos do que pasou na vaga de lumes". O veto a investigar, considera a líder do Bloque, equivale a unha "declaración de culpabilidade" por parte do Goberno de Rueda, ao que atribúe unha "cadea de neglixencias" que desembocou na "catástrofe" de agosto.

  Que o partido que sustenta o Goberno pretenda "ventilar a catástrofe" coa comparecencia de Alfonso Rueda o pasado día 9 é a mellor mostra, coida, da "frivolidade" coa que abordan o acontecido, unha vaga de incendios ante a que se limitaron a seguir "punto por punto o manual de xestión de crise" do PP. Primeiro, di Pontón optaron por facer ver que "todos son responsables menos o presidente da Xunta, que ten as competencias"  para, acto seguido, botar man da "manipulación" e "minimizar a cástrofe".

  Se aceptasen a investigación, defende a portavoz nacional da formación soberanista, ficaría acreditado que "o maior problema ambiental que ten Galiza" non é produto da "mala sorte", senón "o resultado de décadas de abandono do rural e dunha política forestal fracasada". Servirían as pescudas tamén, cre, para "aprender da crise e que non se repitan" e ao tempo, defende, para que veciñanza como a de aldea ardida de San Vicente de Leira (Vilamartín) puidese "dicir á cara" dos líderes do PP que os "deixaron sós" e "non había medios para loitar contra os incendios", resaltou ilustrando a lembranza cunha información publicada en Praza.gal o pasado agosto.

  Queda así desbotada definitivamente unha comisión de investigación que, atendendo á petición formal rexistrada polo BNG, tería que analizar "as medidas de carácter preventivo e de ordenación e xestión do territorio que non foron desenvolvidas ao longo dos últimos anos" ou "a situación dos medios de extinción, as súas "carencias" e "erros" ou a "falta de transparencia e información fiábel sobre a vaga de lumes por parte do goberno e dos medios de comunicación públicos"..

  A iniciativa defendida por Pontón  apostaba, asemade, por trazar "actuacións que se deberán levar a cabo no futuro a partir de experiencias anteriores e desta vaga de lumes". O obxectivo, indicaba, sería "desenvolver cambios estruturais no ordenación do territorio, no desenvolvemento rural, na ordenación e xestión multifuncional do monte, na protección dos bens públicos e privados e das vidas humanas; no modelo de emerxencias e extinción de incendios para facelo máis operativo e eficaz diante do novo tipo de lumes agravados por un contexto climático adverso".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

MUSEO DOMUS
Parking Mallos

Relacionados